Gañadores da X edición do Concurso de micro-relatos OZOCOgz.

Feliz Día das Letras Galegas 2022!

Xa temos os relatos gañadores da 10ª edición do Concurso de micro-relatos OZOCOgz.

AVANTAR ACTIVIDADES

Unha vez lidos a totalidade das achegas presentadas a concurso pol@s membros do xurado resultou gañador o micro-relato SEGREDO, presentado co seudónimo Bob Horás, baixo o que se agochaba o nome de Lito Vila Baleato.
Por primeira vez, nos 10 anos de historia do noso concurso, temos dous finalistas por coincidiren na puntuación, o primeiro finalista (sen que isto implique orde) é o micro-relato ACONTECE NO MAR VÉSPERA DE SAN XOÁN, presentado co seudónimo Berenxena en bicicleta, baixo o que se agochaba o nome de Andreia Costas; e o micro-relato MARIDAXE PERFECTA, presentado co seudónimo Devorei, baixo o que se agochaba o nome de Nila Álvarez Pousa.

Parabéns ás gañadoras!!!!!

MICRO-RELATO GAÑADOR
SEGREDO

Por: Bob Horás (Lito Vila Baleato)
En 90 anos, a miña nai nunca lle chamou polbo ao pulpo. Viuva dende moi nova, desfrutou ata a súa morte do pracer de enchoupar o pan no aceite de oliva no prato de pau.
No seu primeiro cabodano, achegueime de novo á aldea para levarlle cristantemos ao seu cadaleito. Quedei pampo cando vin sobre a lápida unha ración de polbo. Confundido, ignorei aquela aparición.
Cando o segundo ano volvín topar outro prato, vinme obrigado a preguntarlle ás veciñas. Afirmaron saber tanto coma min. Preguntei tamén na taberna se alguén podía indicarme o responsable da brincadeira. Sen éxito.
No terceiro cabodano decidín agardar agachado nun recanto do cemiterio. Foi entón cando vin chegar o vello Valentín, emigrante retornado de México había anos, cunha ración de polbo nas mans.
Cando me acheguei, só dixo con bágoas nos ollos:
Quixémonos moito.

MICRO-RELATOS FINALISTAS

ACONTECE NO MAR VÉSPERA DE SAN XOÁN
Por: Berenxena en bicicleta (Andreia Costas)

Sabe que esguricha! Dende xuño engordo cunha graxa untuosa entre a pel e a espiña. Engulo de tal xeito que me sae a comida polas darnelas.
No estío mergullamos lixeiras e gráciles como fillas de sereas. Afondamos á procura de larvas, bragadas, míllaras e nubes de plancto; mantemos o tipo, fortes, a contracorrente coa boca aberta. Empapullar. Ata que o micro alimento saia pola nariga. Porén desfaise a cardume coa enchente; espallámonos saciadas.
Co saín que sae polas escamas subimos ao fulgor da lúa. Á procura dunha poética luz que encha a señardade. De súpeto o mar, traizoeiro, descobre o noso corpo de prata. O golpe da cola na cuberta nun sardiñeiro. É o fin da esmorga e da morriña dun verán demasiado curto para nós. Atoparasnos en conserva ou a brasa. Mortas.

MARIDAXE PERFECTA
Por: Devorei (Nila Álvarez Pousa)

Ganache de turrón de chocolate e galleta con tella de rosco de viño, iso pediches o día que che dixeron que a túa doenza non tiña cura.
Prendícheste do sabor doce e salgado, o gozo do azucre desfeito no padal, deixar ferver un caldo lento e gorentoso co que quecer a vida.
Bocados exquisitos. O contraste do meu negro café e aquela copa túa cun vienés coroado de nata.
-Deixa, tiven dabondo. Pregáchesme un día.
Os praceres que degustaras aínda suxeitaban os pés á terra.
Mais ao tempo que eu guindaba coas nécoras que a túa nai che traía, a luz da túa lingua foise apagando.
Hoxe, nunha homenaxe a receita da túa loita, desconxelei aquel año que ti cociñaras. Escanciei un bo viño para te atopar na meloxa graxa que lle puñas.
Bicarte no cruxir dourado da súa pel.