o Psdeg considera extramadamente grave a falta de previsión do concello de Ourense na seguridade das festas de Couto que puxo en risco a milleiros de persoas

“Jácome e o PP puxeron en perigo á veciñanza e isto non pode quedar impune”, sinalan antes de indicar que “non podemos permitir que se xogue con algo tan serio como a seguridade” polo que “haberá que aclaralo”

Os reforzos previstos na polícía local en pleno período festivo foron abolutamente escasos para os días 15 e 16 de maio -seis axentes- e, para colmo, os reforzos do día 17 foron directamente anulados

AVANTAR ACTIVIDADES

 O PSdeG-PSOE de Ourense considera “extremadamente grave” a “total falta de previsión” do goberno local da terceira cidade de Galicia durante a noite de onte, nas festas do barrio do Couto, ao poñer “en grave risco as milleiros de persoas” que se achegaron a rúa Dalí e adxacentes para desfrutar do espectáculo da orquestra Panorama. “O desgoberno de Jácome e o PP puxo en perigo á veciñanza e isto non pode quedar impune”, sinalan desde o PSOE antes de indicar que “non podemos permitir que se xogue con algo tan serio como a seguridade e non pase nada”.

“A rúa Dalí converteuse nunha rateira da que era imposible saír, con milleiros de persoas atrapadas por unha inmensa multitude, mentres os responsables máximos da seguridade municipal, encabezados por Gonzalo Pérez Jácome e Telmo Ucha, estaban completamente ausentes”, resaltan os e as socialistas, que xa anuncian que “esixirán todas as responsabilidades” que procedan por uns feitos tan graves. “Jácome e Ucha deberían ter garantida a total seguridade dos e das asistentes, ter controlado o aforo permanentemente e acabar agora, dunha vez por todas, coa opacidade que rodea todo o que fan”, insisten.

Desde o PSdeG-PSOE ourensán desvelan que, segundo a información da que dispoñen, os reforzos previstos nas quendas de traballo da polícía local en pleno período festivo foron abolutamente escasos para os días 15 e 16 de maio -seis axentes- e, para colmo, os do día 17 foron directamente anulados.

O goberno local obviou calquera tipo de control de aforo durante este evento ata pasada unha hora do seu comezo, cando a vixilancia e control xa eran “absolutamente imposibles”. “Tivo que ser a propia Panorama a que reclamou en varias ocasións que deixase de achegarse xente á zona, debido á avultada multitude que ateigaba as rúas Dalí e Jesús Soria, advertindo que se verían obrigados a suspender o espectáculo se continuaba a chegar xente”, salientan desde o PSOE antes de recordar que finalmente a orquesta tivo que facer unha prolongada parada para facilitar aos poucos axentes da policía local desprazados as labores de instalación deses controis.

“O acontecido é unha nova mostra do ignominioso desgoberno do bipartito de Democracia Ourensana e Partido Popular, máis preocupado das súas liortas internas que da xestión do día a día e das cousas máis básicas da nosa cidade”, advirten antes de concluír sinalando que “a pesar de que non temos que lamentar ningunha desgraza grave grazas á responsabilidade da meirande parte das persoas alí presentes”, unha situación tan “perigosa e comprometida” non pode quedar sen “explicacións polo miúdo” dos máximos responsables de velar polo ben dos veciños e veciñas.