A Xunta de Goberno valida a proposta de Manuel Baltar para presentar a candidatura de Pura e Dora Vázquez ás Letras Galegas 2023

As irmás ourensás “teñen máis que merecida esta homenaxe polo seu compromiso vital, traxectoria cultural e calidade das súas producións, fose como narradoras, poetas ou dramaturgas”, defendeu Baltar

O presidente da Deputación lanzou onte esta candidatura ante os representantes da Real Academia Galega e do Goberno de Galicia durante os actos de celebración do Día das Letras Galegas

AVANTAR ACTIVIDADES

A Xunta de Goberno aprobou tamén as bases de dous concursos para a concesión de axudas a entidades sen ánimo de lucro e a concellos para actividades culturais e recreativas

Concedéronse ademais 283.000 euros en subvencións para cooperación cos concellos e entidades 

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida esta mañá por vía telemática, ratificou a proposta do presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, para solicitar que as Letras Galegas de 2023 sexan dedicadas ás irmás ourensás Pura e Dora Vázquez. Unha candidatura que o propio presidente da Deputación lanzou onte no Barco de Valdeorras ante os representantes da Real Academia Galega e do Goberno de Galicia durante a súa intervención nos actos de celebración do Día das Letras Galegas.

Manuel Baltar afirmou que Pura e Dora Vázquez “teñen máis que merecida esta homenaxe polo seu compromiso vital, traxectoria cultural e calidade das súas producións, fose como narradoras, poetas ou dramaturgas”. Anunciou ademais que o venres celebrarase no CPI Virxe da Saleta de San Cristovo de Cea o acto de entrega do XVIII Premio de Literatura Infantil e Xuvenil que leva o nome das irmás, “xéneros das que foron precursoras”. Un galardón que este ano recaeu na novela O clube de coleccionistas de selos, de Pablo Nogueira Campo, e que inclúe un premio na modalidade de ilustración na que o xurado distinguiu a proposta da Eva Piay.

Actividades culturais e recreativas

Tamén dentro do ámbito da cultura, a Xunta de Goberno aprobou as bases de dúas convocatorias de concesión de axudas para a organización de actividades culturais e recreativas, unha delas dirixida a entidades sen ánimo de lucro e a segunda para concellos. En ambos os casos subvencionaranse aquelas actividades que teñan como fin o estudo, difusión, exaltación ou posta en valor do patrimonio cultural material e inmaterial, incluíndo neste último punto as festas e celebracións cun marcado carácter tradicional ou senlleiro. 

Tamén entran nesta convocatoria as accións de fomento das diversas manifestacións culturais ourensás, a edición e publicación de libros e obras audiovisuais, así como as actividades lúdicas e de lecer públicas e gratuítas para a poboación en xeral ou para colectivos precisados de especial atención. En ambas convocatorias só se poderán presentar ata un máximo de dous proxectos singulares por solicitante.

As axudas para entidades sen ánimo de lucro contan un orzamento de 100.000 euros e as achegas acadarán como máximo o 50 % do custo total de cada proxecto. Para a convocatoria dirixida aos concellos o orzamento é de 75.000 euros, cunha axuda máxima do 50 % do custo total da actividade nos municipios de máis de 5.000 habitantes e ata o 70 % nos de menor poboación. O prazo de presentación de solicitudes iniciarase coa publicación dos dous concursos na Base de Datos Nacional de Subvencións e rematará o 30 de xuño.

Concellos e entidades

Aprobáronse ademais axudas por un valor superior a 280.000 euros para cooperación con concellos e entidades. Polo que respecta ás entidades locais, concedéronse preto de 44.000 euros ao Concello de Cortegada para un proxecto de vivenda social; máis de 96.000 para obras de acceso a vivendas e un parque infantil na Merca; 48.000 euros para arranxo de vías municipais en Nogueira de Ramuín; e a mesma cantidade para melloras nos accesos ao parque empresarial de San Cristovo de Cea. Polo que respecta á cooperación con outras entidades, a asociación Castro de Santa Lucía de Freás, en Castrelo de Miño, disporá de case 47.000 euros para acondicionar o seu local social.