O PSDEG-PSOE de Ourense avoga porque as axudas para dinamizar o sector comercial e hosteleiros sean “claras e concretas” e que conten con propostas “serias e realistas”

IES CHAMOSO LAMAS

Os socialistas critican que Jácome “non ten definidas nin as bases, nin a convocatoria das axudas” e opta por convocatorias a través de canles “non oficiais” e sen pór ningunha proposta por riba da mesa

“O alcalde só fala dunha campaña de vales para consumir no comercio e na hostalería local”, afirman os socialistas, que subliñan que “estamos ante un novo exemplo dun goberno municipal que funciona a base de ocorrencias e que non presenta ningunha proposta”

HIPER MASIDE

O PSdeG-PSOE de Ourense avoga por unhas axudas para a dinamización do sector comercial e hostaleiro da cidade que sexan “claras e concretas”, cunha proposta “seria e realista” e nas que se escoiten e teñan en conta as aportacións dos demais grupos políticos e dos sectores implicados. Os socialistas critican que o alcalde “aínda non ten definidas nin as bases, nin a convocatoria de ditas axudas”, tal e como se deduce despois dunha xunta “non oficial” e convocada para o día de hoxe a través de whatsapp e sen seguir as canles “oficiais”, motivo polo que o PSdeG-PSOE de Ourense decidiu ausentarse.

Dende o Grupo Municipal Socialista explican a súa ausencia no día de hoxe alegando que “acudimos reunións nas que se nos convoca oficialmente e nas que hai propostas formais por parte do equipo de goberno e non a convocatorias as que se nos cita por mensaxes e sen ningún tipo de convocatoria oficial, nin bases, nin tampouco documentación”. Os socialistas apuntan a que na xuntanza de hoxe “non se concretou nada, nin houbo unha soa proposta de como se van a conceder estas axudas”.  

“O alcalde só fala dunha campaña de vales para consumir no comercio e na hostalería local”, afirman os socialistas, que tamén subliñan que “Jácome non ten definidas aínda nin as bases, nin a convocatoria, nun novo exemplo dun goberno municipal que funciona a base de ocorrencias e que non presenta ningunha proposta argumentada”. O PSdeG-PSOE de Ourense lembra, que ao igual que o resto de grupos políticos, respaldou a modificación orzamentaria para destinar un crédito de 10 millóns de euros para a dinamización do sector comercial e hostaleiro da cidade, pero esíxelle ao bigoberno do PP e DO “concreción e seriedade”.

Os socialistas anuncian que “ante a ausencia dunha proposta clara e concreta, trasladaremos as nosas aportacións de cara a acadar que os fondos públicos de estímulo da economía da cidade sexa xestionados dunha maneira equitativa e eficiente e poidan chegar a todos os ámbitos”. Apunta tamén a que “é imprescindible” que dende o goberno municipal se establezan uns “parámetros claves” e unha serie de “límites” para poder chegar a todo o sector comercial e hostaleiro, “non só a uns poucos, adaptándose a situación postpandemia que vivimos e que presenta outras necesidades de estímulo económico a curto e longo prazo”.

“Jácome non ten outra intención que levar isto adiante porque si, obviando a todos e todas”, afirman dende o PSOE, antes de subliñar que “hoxe e despois de medio ano, nada se avanzou na concreción das axudas”, motivo polo       que  non descartan que o rexedor “poida intentar derivar unha vez máis a súa responsabilidade, ante a falta de xestión, na oposición”.

Ante esta situación, dende o Grupo Municipal Socialista concordan en que “será clave poñer sobre a mesa de maneira urxente propostas serias e reais para acadar, co respaldo e as aportacións dos demais grupos políticos, que antes do verán se poida facer uso xa destes fondos por parte da cidadanía”. Neste senso os socialistas destacan que “estaremos en contacto en todo momento co sector do comercio e a hostalería local para ser coñecedores das súas necesidades”.