A Deputación lidera unha candidatura para potenciar a competitividade do sector enogastroturístico ourensán a través dos fondos Next Generation

Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) acompañado de Emma González Diéguez (Xerenta do INORDE), presentan a candidatura da Deputación Ourense ó Plan Enogastronómico para Fondos Europeos.


Dende unha perspectiva integral da provincia, o plan presentado abarca 20 actuacións por un valor global de 4,4 millóns de euros co obxectivo da transformación competitiva deste sector, diferencial para Ourense 

O “Plan de Sostenibilidade Enogastronómico da Provincia de Ourense – EnOUturismo” inclúe máis dun millón de euros en liñas de axuda directas ao sector privado

AVANTAR ACTIVIDADES

Manuel Baltar resalta a importancia dun proxecto deseñado para beneficiar “a todas as empresas e persoas que traballan neste sector na provincia”. O presidente da Deputación aplaude o traballo realizado para captar fondos e “desenvolver políticas integradas no noso plan de mandato”

Preténdese avanzar no potencial enogastroturístico de Ourense para situalo como un gran motor de emprego no rural, buscando conexións entre o sector gandeiro, agrícola e o turístico

O plan permitiría crear un produto turístico consolidado dende unha perspectiva sostible e combinable cos outros grandes recursos endóxenos da provincia: o termalismo -que xa acadou o seu Plan de Sostenibilidade Turística en Destino, liderado pola Deputación-, o patrimonio e a natureza

A Deputación de Ourense presentou á convocatoria extraordinaria dos Planes de Sostenibilidade Turística en Destino (PSTD), dentro da sección do Plan Nacional de Enogastronomía -financiada con fondos Next Generation-, un proxecto titulado “Plan de Sostenibilidade Enogastronómico da Provincia de Ourense – EnOUturismo”. 

Este plan, por valor de 4.431.081 de euros, contempla 20 actuacións distribuídas en catro eixes programáticos: transición verde e sostible; mellora da eficiencia enerxética; transición dixital e competitividade. O obxectivo desta candidatura, estruturada a través do Inorde, é liderar, dende unha visión integral de provincia, a transformación competitiva do sector enogastroturístico.

O presidente da Deputación Manuel Baltar, resalta a concepción integral deste proxecto: “Contempla a toda a provincia, beneficiando a todas as empresas e persoas que traballan en Ourense no enogastroturismo para potenciar un sector clave para o futuro da nosa economía”.

Baltar resalta o traballo realizado para confeccionar este plan: “A Deputación está traballando para conseguir fondos e desenvolver políticas integradas no noso plan de mandato. Traballando e elaborando proxectos como este, liderado pola xerente do Inorde, Emma González”. 

Cuantificado en 4,4 millóns de euros, lembra o presidente do goberno provincial que a súa obtención suporía contar cun novo Plan de Sostenibilidade Turística en Destino: “A Ourense xa lle concederon o da Ribeira Sacra e o de Turismo Termal -este último, liderado pola Deputación-. Agora, o Plan EnOUturismo preséntase para competir con outros de toda España e acadar estes fondos. Sen dúbida, os intereses de Ourense están ben representados e esperemos que dende o Goberno volvan a ter en conta a petición desta provincia”. 

O segundo gran factor diferencial da estratexia turística de Ourense e un motor de emprego no rural

Como se resalta dende a redacción do programa do “Plan de Sostenibilidade Enogastronómico da Provincia de Ourense”, a estratexia turística de Ourense -presentada a finais do ano pasado- pivota en catro recursos fundamentais: o termalismo -do que xa se obtivo o correspondente PSTD-; a natureza e o patrimonio -comúns a moitos territorios-; e, como segundo gran factor diferencial de Ourense, o potencial enoturístico. 

Este potencial está apoiado nas catro Denominacións de Orixe e cinco Indicacións Xeográficas Protexidas con sede en Ourense, ademais de moitos outros recursos gastronómicos que poden converterse nun produto turístico. Agora, apoiados nas posibilidades dos fondos Next Generation o obxectivo é impulsar a creación de emprego no rural e, polo tanto, afrontar o reto demográfico, buscando unha conexión entre o sector gandeiro, agrícola e turístico. 

Máis dun millón de euros en liñas de axuda directas ao sector privado

As actuacións do Plan EnOUturismo están orientadas a fomentar esta transformación competitiva, contemplando máis dun millón de euros en liñas de axuda que irían directamente ao sector privado, ás empresas, para adaptar a súa oferta ou infraestrutura dun xeito que lles permita crear experiencias turísticas e, ou, completar a actividade tanto de adegas como de outras explotacións agrícolas ou gandeiras coa recepción de visitantes. 

Tamén se prevé unha liña de axuda á transición enerxética, así como formación específica para impulsar o enoturismo en concreto e o agroturismo en xeral.

Outros dos obxectivos específicos do proxecto están encamiñados a abordar necesidades da provincia como destino turístico. Estes desafíos son a mobilidade sostible combinada coa gran oportunidade da chegada da Alta Velocidade, que permite redistribuír os fluxos turísticos ás comarcas enoturísticas; e abordar o déficit de prazas de aloxamento en puntos de alto potencial e recursos de gran interese pero carentes de oferta de hospedaxe en modalidade “eco-aloxamento”. 

Un produto turístico consolidado e impulsar a creación dun circuíto de comercialización de produtos de quilómetro 0

A obtención deste Plan, analizan dende o Inorde, permitiría avanzar no desenrolo do potencial enogastroturístico que ten o territorio e pasar a crear un produto turístico consolidado, que encaixa perfectamente coa sostenibilidade e cun turista que aprecia o valora os recursos endóxenos, a conexión coa poboación local e cos produtores e que tamén pode ser combinable con termalismo, patrimonio e natureza, os outros grandes recursos da provincia.

Ademais, esta actuación contempla a creación de circuíto de comercialización de produtos de quilómetro cero, a través do canal Horeca e establecementos turísticos para fomentar a presenza de produtos de pequenos produtores de calidade baixo a marca “Ourense Enogastronómica”, unha das catro marcas que forman parte de “Ourense Xenuína”.