- “temos resolta unha transición política modélica, que é o que nos pedía Galicia”, afirma o presidente provincial
- Destaca que Alfonso Rueda preside “o partido que máis se parece a Galicia, co apoio de Ourense para conseguir esa quinta maioría absoluta nas próximas eleccións autonómicas”
O presidente provincial do Partido Popular, Manuel Baltar, expresou a súa satisfacción pola que cualificou como “gran representación ourensá”, en referencia a vintena de membros do PP de Ourense que forman parte da candidatura presentada polo aspirante á presidencia do PPdeG, Alfonso Rueda.
Ao remate da primeira xornada do 18º Congreso Extraordinario dos populares galegos, que se celebra no recinto feiral de Pontevedra, Manuel Baltar sinalou que “estamos ante unha convocatoria para elixir ao presidente do PPdeG, que xa foi tamén secretario xeral dos populares galegos e que ademais sabe o que significa ser presidente provincial, coñecemento que lle axudará a encarar esta nova etapa”.
Xa desde este momento, engadiu, os populares teñen a Alberto Núñez Feijóo en Madrid para ser presidente de España, e desde mañá “teremos a Rueda presidindo o partido que máis se parece a Galicia, co apoio de Ourense para conseguir esa quinta maioría absoluta nas próximas eleccións autonómicas”.