O PSdeG-PSOE de Punxín esíxelle ao goberno municipal “responsabilidade” en materia de prevención de lumes

O PSdeG-PSOE de Punxín esíxelle ao goberno municipal “responsabilidade” en materia de prevención de lumes, dada a situación de “abandono total” que se vive neste senso. As socialistas critican que a pesares de que Punxín dispón dun plan de prevención e defensa de incendios provinciais, o “desleixo” do alcalde e do seu equipo de goberno pon en “risco” a poboación a poucos días de que empece a tempada de risco alto de incendios.

Dende o grupo municipal socialista explican que a realidade de Punxín “é que a día de hoxe, a pouco de comezar a tempada de verán e con ela o aumento do risco de incendios, o noso concello non se atopa en condicións de afrontar dita situación”. Tal e como relatan as concelleiras socialistas “a maleza está presente tanto en espazos públicos como en propiedades privadas, o que supón un grave problema en caso de incendio”.

AVANTAR ACTIVIDADES

A situación preocupa tanto ás socialistas como á veciñanza e tal e como apunta a voceira do PSdeG-PSOE no municipio, Lorena Peleteiro Vázquez, “o abandono chegou a tal punto que este ano o grupo de goberno municipal non se dignou nin a colocar os bandos informativos para que a veciñanza proceda á limpeza das fincas, tal e coma sempre se fixo e ademais fan caso omiso das queixas da veciñanza”.

Peleteiro Vázquez explica que nos últimos días “recibimos varias chamadas de veciños e veciñas denunciando a situación de abandono e tamén o pasotismo do alcalde”. Unha situación que “preocupa moito” á veciñanza, xa que tal e como apunta a voceira socialista “a falta de interese do alcalde e do seu equipo de goberno e a ausencia de traballo pola súa parte, pon nunha situación de risco a nosa poboación”. A edil socialista tamén sinala que “dispoñer dun plan de prevención e defensa contra incendios, non prevé os lumes, se o plan está gardado nun caixón como acontece en Punxín”.

Dende o PSdeG-PSOE de Punxín lembran que o Concello publicou a contratación de dúas persoas para tarefas de limpeza, que finalmente non se levaron a cabo debido principalmente á “deixadez” e ao “pasotimo” do grupo de goberno, do que segundo apuntan as socialistas “aínda seguimos agardando por algún tipo de explicación”.