A Deputación destina 100.000 euros para o plan anual de publicacións de 2022

A Xunta de Goberno aprobou os criterios xerais para a edición ou coedición de traballos, así como as bases para o concurso de selección de obras 

Aprobouse ademais a convocatoria do XIX Premio Pura e Dora Vázquez de narración infantil e xuvenil nas modalidades de escrita e ilustración 

AVANTAR ACTIVIDADES

No capítulo de cooperación con entidades concedéronse tres achegas por un importe total de 95.000 euros 

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense,  reunida esta mañá por vía telemática baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou o plan anual de publicacións que contén os criterios de selección para a edición ou coedición de obras  ao longo do presente exercicio. Dotado cun orzamento de 100.000 euros, o plan conta co previo informe favorable do Consello Asesor de Publicacións, “unha iniciativa que nos distingue doutras deputacións e que puxemos en marcha para recoller todas as solicitudes relacionadas con traballos e obras que destaquen a nosa identidade”, explicou Manuel Baltar. 

Os criterios xerais establecidos para a selección de obras divídense en dúas modalidades. Por unha parte mediante concorrencia competitiva, atendendo exclusivamente a criterios de calidade dos traballos ofertados e ao seu interese para a divulgación da realidade e a cultura ourensá. Para esta modalidade, a Xunta de Goberno aprobou na mesma sesión de hoxe as correspondentes bases de selección para a edición ou coedición de publicacións, que á súa vez terán dúas liñas de traballo: obras referidas ao estado dos bens culturais específicos da provincia e, por outra banda, estudos históricos, científicos, xurídicos, obras artísticas, literarias e compilacións de traballos publicados en medios de comunicación. 

A segunda modalidade reflectida no plan anual de publicacións refírese ás obras que recollen a actividade propia da Deputación (Anuario da Gaita; as revistas RaigameLetras Galegas 2022 e Arqueoloxía); a reedición de obras (A indumentaria tradicional galega. O traxe feminino (2010 e 2014) de Clodio Pérez; e Trives, historia dunha institución docente (2008) de Pablo Pérez) e novos traballos de autores ourensáns de recoñecido prestixio, onde se inclúe unha obra inédita de Prado Lameiro e unha biografía de Basilio Álvarez.  

“Ambas obras son de carácter conmemorativo ao celebrarse o 80 aniversario do pasamento destes autores”, explicou Manuel Baltar, incidindo no caso de Basilio Álvarez por se tratar “dun compromiso adquirido en agosto do pasado ano nunha homenaxe institucional e que suporá unha achega fundamental para a nosa historia contemporánea”. 

Edición de obras premiadas 

Pero, ademais, o plan anual de publicacións tamén inclúe a edición de obras premiadas nos certames que convoca a Deputación de Ourense. É o caso do Premio Pura e Dora Vázquez de narración infantil e xuvenil, cuxa XIX convocatoria tamén foi aprobada hoxe pola Xunta de Goberno. Para a modalidade de narración o prazo de presentación de orixinais estará aberto ata o 30 de xullo, mentres que no apartado de ilustración a data fixada é o 30 de setembro. Ambos os premios están dotados cunha contía económica de 1.500 euros. 

A orde do día da Xunta de Goberno celebrada este mércores inclúe un capítulo de cooperación con entidades no que se aprobaron tres subvencións: 9.000 euros a favor da asociación cultural Unión Musical de Allariz para o Campionato Mundial de Gaitas; 70.000 euros para colaborar nas actividades da Academia Galega do Audiovisual, “con esa ligazón que mantemos para o Festival de Cine de Ourense e que no 2023 varase fortalecida coa entrega en Ourense dos Premios Mestre Mateo”; e 16.000 euros para a asociación cultural Amigos da Romaría da Saínza “con destino a unha das festas de máis alto valor etnográfico”, concluíu Manuel Baltar.