Este sábado, as 11:30 da mañá instalarase unha mesa na Praza Maior do Carballiño para que todos os veciños poidan asinar e amosar o seu rexeitamento a este peche.
Despois de saber que a Conselleria de Educación da Xunta de Galicia ten a intención de pechar a aula de 3 anos do Campo da Feira para o vindeiro curso, a reacción da cidadanía do Carballiño foi inmediata. Nos últimos días creouse una Plataforma Cidadá, composta sobre todo por colectivos e por pais e nais afectados, agora e no futuro, que desexan loitar para que o Carballiño siga mantendo esa opción de escolarización.
Unha das primeiras medidas acordadas foi iniciar unha recollida de sinaturas para amosar claramente o rexeitamento do pobo do Carballiño a esta medida.
Para levala a termo estanse a repartir formularios en distintos establecementos de hostalaría e comercio, así como en diferentes asociacións do tecido social desta vila. Tamén haberá una mesa a tal efecto na Praza Maior do Carballiño de 11:30 a 13:30 este vindeiro sábado día 28 de maio, calquera que pase por alí poderá deixar o seu apoio a esta reivindicación a modo de sinatura.

Dende a Plataforma Cidadá o Campo da Feira NON SE PECHA, entendemos que ademáis dunha medida inxusta, é nociva para o futuro do noso pobo a curto, medio e longo prazo, xa que limitará as opcións de pais e nais e dos que no futuro queiran selo ou intalarse na nosa vila.
Esto fará do Carballiño un lugar menos atractivo para vivir, producirase un empobrecemento na contorna do devandito colexio así coma dos que poidan seguir.
A situación que hoxe estamos a vivir no Campo da Feira pon en perigo ó resto de centros públicos do pobo e en consecuencia, directamente, ós negocios que se nutren de pais, nais e nenos e por ende ó resto do tecido económico do Carballiño.
Por todo o antedito, insistimos: O CAMPO DA FEIRA NON SE PECHA