Marina Ortega lamenta a “falla absoluta de vontade de dialogar” por parte do PP para retirar ao alcalde logo de rexeitar sistematicamente tódalas ofertas de diálogo sen condicións presentadas polos socialistas
A parlamentaria socialista Marina Ortega considera “inadmisible” que o PP continúe no bipartito ourensán con Gonzalo Pérez Jácome, logo da agresión a unha representante sindical en plena rúa por parte do rexedor. Ortega presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que preguntou “que mais ten que pasar en Ourense” para que acepten retirar ao alcalde.
AUDIO DE MARINA
Ortega lamentou a “falla absoluta de vontade de dialogar” por parte do PP, que ten rexeitado sistematicamente tódalas ofertas de diálogo sen condicións postas enriba da mesa polos socialistas galegos, a última delas a pasada semana. Acusou ao PP de “practicar a política do avestruz para amarrar a Deputación polos pelos” a costa de manter a Jácome na alcaldía de Ourense.
Emprazou ao PP a “deixar o infantilismo político” e “unirse a tódolos partidos” da cidade, que están de acordo en relevar ao alcalde na “busca dunha estabilidade máis que merecida para a cidadanía ourensá” da man dos socialistas, que encabezan o acordo “lexitimamente como lista máis votada” nas últimas eleccións municipais”.
Advertiulles que ao impedir o acordo “están decepcionando aos ourensáns e ao mesmo tempo denigrando o propio exercicio da política”, e esixiulles que “deixen de poñer ás institucións á súa disposición e póñanse vostedes a disposición das mesmas, sexan sinceros coa cidadanía e deixen de marear a perdiz”.
Acusou ao PP de pretender “que goberne a lista máis votada se lles sae a saldo”, facendo “caso omiso dos intereses da cidadanía”, como demostra o caso de Ourense, onde pactaron o “intercambio de cromos” deixando gobernar a Jácome a cambio de que este apoiara a Baltar na Deputación.
Marina Ortega lembrou que en 2015 os socialistas deixaron gobernar á lista máis votada, que daquela era o PP, negándose a pactar con Jácome para facelo alcalde, unha opción que non se repetiu en 2019 cando o PSOE era xa a opción co máis respaldo da cidadanía. Daquela “xa non lles parecía tan letal para Ourense como dicía Feijóo, e pactaron despois de facer campaña uns contra os outros”.
Sinalou que “o selo do PP liderado por Feijóo estará marcado para sempre por ser o primeiro e único de toda Europa que bautiza un goberno bipartito coa estrema dereita, e tamén por ter acordado con Jácome en Ourense” logo de descualificalo en campaña. Alertou da “gravidade” de que o PP “dea acubillo aos populismos e extremismos nas institucións”.
Denunciou a “actitude cada vez máis extrema” do PP en Ourense, onde intentan “amedrentar” aos socialistas porque o seu portavoz Rafa Villarino pide explicacións por que 5 empresas da provincia asuman a inmensa maioría dos contratos da Deputación.
O mesmo, engadiu, que cuestiona os 40 anos de xestión do PP que derivaron en que Ourense sexa a provincia coa maior porcentaxe de pensionistas, cos peores salarios e as pensións máis baixas do estado e o peor balance vexetativo pola fuga de toda unha xeración de mozos e mozas.