Este organismo dependente da Deputación de Ourense organizou un “focus group” no marco do proxecto CRinMA, que aborda a xestión do Patrimonio cultural en áreas de montaña, co obxectivo de identificar e tratar información sobre a adaptación do sector turístico e cultural á situación post Covid-19
O obxectivo desta xornada, celebrada na aldea do Puxedo (unha das boas prácticas identificadas), en Lobios, é achegar datos útiles que sirvan de soporte nos procesos de preparación de novos proxectos de cara ao financiamento do programa POCTEP Fondos FEDER.
O Inorde organizou, no marco do proxecto “CRinMA 2.0: Recursos Culturales en Áreas de Montaña (Interreg Europe)”, unha xornada na aldea do Puxedo, en Lobios, para que os socios e as partes interesadas analizaran conxuntamente propostas, novas solucións e boas prácticas identificadas durante o período da Covid-19. Contou coa participación da “Autoridade de Xestión do POCTEP”, representada polo subdirector adxunto de Fondos Comunitarios do “Ministerio de Hacienda” do goberno de España. O obxectivo desta iniciativa é identificar e tratar información sobre a adaptación do sector turístico e cultural á situación provocada pola pandemia, amosando datos útiles que sirvan de soporte nos procesos de preparación dos novos proxectos de financiamento da Unión Europea, especialmente en territorios transfronterizos de montaña.
A xornada foi iniciada pola xerente do Inorde, Emma González, quen salientou que a finalidade desta actividade na que ten como socio á Cámara Municipal de Montalegre é “lograr ideas de proxectos de cooperación transfronteiriza que sexan susceptibles de financiamento a través do vindeiro POCTEP”. O CRinMA é un proxecto europeo que está a permitir “que traballemos conxuntamente, tanto desde España como desde o norte de Portugal, para facer recomendacións aos Programas Transfronteirizos e aos Programas Operativos Rexionais, concretamente no que atinxe ao papel do patrimonio cultural nas áreas de montaña. Este esforzo conxunto que vehiculizamos a través do CRinMA, traducirase en mellores políticas rexionais para abordar territorios cuns retos e oportunidades específicas”, sinalou Emma González.
A parte técnica da xornada dedicada á análise de solucións e boas prácticas, comezou coa administradora Delegada Adere-Peneda Gerês da Associaçao de Desenvolvimento Regiões Parque Nacional Peneda Gerês, Sónia Almeida, quen fixo unha valoración das boas prácticas transfronteirizas identificadas no marco do CRinMA no territorio do Parque Natural. Posteriormente, celebrouse o “Focus Group” (debate), moderado polo secretario xeral da Associação de Desenvolvimento da Região do Alto Tâmega (ADRAT), Antonio Montalvao, no que interviñeron representantes das partes interesadas do proxecto e expertos en xestión de recursos culturais.
As entidades participantes na sesión foron, ademais das citadas, de Portugal: Eco Museo Barroso e Cabril Eco Rural; e de España: o GDR10 Limia-Arnoia, a Asociación de Veciños de Puxedo, o GDR 8 Sil-Bibei-Navea, o GDR12 O Carballiño-O Ribeiro, o Concello de Celanova, a xefa territorial de Cultura da Xunta de Galicia en Ourense, a decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, e o xefe provincial de Turismo da Xunta en Ourense, Cecilio Santalices, e Guti Martin experto en proxectos de xestión turística, que asistiron telematicamente á xornada.
Esta xornada forma parte dun proceso que pretende dar visibilidade aos novos retos ós que se enfronta a xestión do patrimonio cultural no novo contexto cara a busca de financiamento a través da redacción de proxectos de cooperación transfronteiriza, proceso que continúa aberto ata que se abra a nova convocatoria do POCTEP.
Ademais do Inorde son socios deste proxecto a rexión Podkarpackie (Polonia), a Axencia de Desenvolvemento Rexional de Presov (Eslovaquia), o municipio de Montalegre (Portugal), a Unión de Municipios de Montaña Piedmont-uncem Piedmont (Italia) e a rexión de Malopolska (Polonia).