Carmen Rodríguez Dacosta alerta de que o legado de Feijoo nesta materia foi unha caída da poboación activa en máis de 90.000 persoas e un descenso da poboación ocupada de case 65.000 persoas
Repróchalle á conselleira de Emprego que mantivese “un silencio clamoroso” ante a agresión do alcalde de Ourense a unha sindicalista
A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta volveu alertar hoxe da crise laboral que vive Galicia a consecuencia da falta de medidas por parte da Xunta de Galicia en materia de emprego. “O legado de Feijoo nesta materia”, advertiu, “é unha caída da poboación activa en máis de 90.000 persoas e da poboación ocupada en case 65.000”.
Neste escenario, Rodríguez Dacosta tamén criticou o “triunfalismo” de Rueda no seu discurso de investidura. Lembrou que, se hoxe Galicia está na cifra máis alta de contratación indefinida, é pola reforma laboral do goberno de Pedro Sánchez, “á que o PP votou en contra no Congreso”. Tamén incidiu en que o incremento dos salarios en Galicia está motivado polas subas do salario mínimo levadas a cabo polo goberno do Estado, que incrementou o SMI dende 2018 ata o 2022 nun 36%.
Fronte a isto, as políticas da Xunta deixan un mercado laboral caracterizado por un “escaso dinamismo e con insoportables índices de temporalidade e parcialidade involuntaria”. Por iso, a parlamentaria do PSdeG instou de novo na necesidade de que o goberno galego implante unha reforma integral das políticas activas de emprego. O obxectivo é “que Galicia saia dos últimos postos de creación de emprego en relación co resto do Estado” e “reducir o desemprego de longa duración, o desemprego xuvenil, a alta taxa de parcialidade involuntaria e a fenda salarial que padecen as mulleres”.
Ao mesmo tempo, Rodríguez Dacosta lamentou que a conselleira falte á verdade “descaradamente” neste Parlamento. Así o fixo, por exemplo, cando en febreiro anunciou estudos, accións concretas e unha xuntanza do observatorio contra a discriminación ante a situación que sofren as persoas LGBTi na nosa comunidade no plano laboral. Nesta liña, instou a que “se tome en serio as súas responsabilidades” porque, “por desgraza, temos que seguir poñendo de relevo incumprimentos na Lei pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia”.
As “ineficaces” políticas de emprego da Xunta
Nunha interpelación no Pleno do Parlamento, Carmen Rodríguez Dacosta alertou das ineficaces políticas de emprego e formación tanto para parados como para ocupados dende que Feijoo tomou posesión no ano 2009. Malia que daquela anunciou que arranxaría o problema do paro en 45 días, 12 anos despois hai preto de 30.000 parados máis en media anual que no ano 2008. Ademais, mentres a afiliación á seguridade social no conxunto do estado aumentou nun 1,2%, en Galicia baixou nun 5,4%.
“Polo tanto”, remarcou, “temos menos empregos que daquela”, como demostran todos os indicadores. Nesta liña, fixo fincapé na caída da poboación ocupada e da poboación activa. No primeiro caso hai case 65.000 persoas menos e, no segundo, máis de 90.000. Isto “marca unha tendencia do mercado laboral minguante”, no que ademais “o índice de envellecemento e a perda de máis de 100.000 habitantes asusta”. Trátase dunha perda de habitantes que o goberno galego utiliza para “inflar as cifras de caída do paro”.
Na súa intervención, Carmen Rodríguez Dacosta advertiu de que a franxa de idade onde máis se nota esta crise laboral e demográfica da era Feijoo é na mocidade. Neste caso, “case trece despois”, a poboación moza desempregada reduciuse preto dun 45%, pero ao mesmo tempo a xente nova que traballa en Galicia caeu por riba do 46%. Ao tempo, a taxa de actividade “empeorou considerablemente”. Por exemplo, na franxa de idade de 25 a 29 anos, caeu en case 4 puntos, ata o 80,9%.
Con este escenario, Carmen Rodríguez Dacosta incidiu en que Galicia “necesita de forma urxente un plan de choque para mozos e mozas”, así como para parados de longa duración. Asemade, apuntou a necesidade urxente de fortalecer o SEPE para converterse nun verdadeiro intermediador e punto de apoio das empresas para solicitar empregados aptos para as necesidades de contratación.
A nosa comunidade sofre “escaseza de man de obra, imputable en parte á inadecuada política de formación profesional do sistema educativo galego, pero tamén ás carencias da Consellería de Emprego”. Entre elas sinalou a falla de diagnose do mercado laboral.
Tamén puxo de relevo a falla de execución dos orzamentos destinados para o emprego. Así, dende que Feijoo chegou á Xunta deixaron sen gastar 1.775 millóns de euros, o 34,4% do crédito asignado. “O goberno galego”, afirmou, “non foi quen de gastar 1 de cada 3 euros asignados a políticas de emprego”.
Por outra banda, Carmen Rodríguez Dacosta volveu pedir, de novo, que reactive as mesas de diálogo social co fin de analizar as eivas do mercado laboral e de que se adopten medidas consensuadas cos axentes sociais. “tampouco, ata o de agora, foron chamados, agás para a negociación dos plans de rescate”, lamentou.
“Silencio clamoroso” ante a agresión do alcalde de Ourense a unha sindicalista
Carmen Rodríguez Dacosta tamén lle reprochou á conselleira de Emprego o seu “silencio certamente clamoroso” ante a gravidade dos feitos acontecidos en Ourense da man do seu alcalde, Gonzalo Pérez Jácome. “Non encontramos da súa boca reproche nin condena algunha á agresión primeiro física e logo verbal que unha representante sindical tivo que sufrir por parte do rexedor ourensán”, evidenciou.
Subliñou que “diante dunha situación tan insólita como grave, por atentar contra un dereito clave nas sociedades democráticas como é o de liberdade sindical, non nos parece moito pedir que a responsable do goberno galego con competencias na materia tivese unha actitude clara de rexeitamento, xa non aspirar a que o seu departamento levase ao ministerio fiscal o coñecemento dos feitos”.
Engadiu que “concedendo que admite vostede o papel imprescindible dos sindicatos na defensa dos intereses xerais dos traballadores, así como o seu papel vertebrador na articulación das relacións sociolaborais dos estados modernos, só nos cabe concluír que tivo que manterse tapada detrás desa estratexia do escape que o seu partido desprega dende hai tres ano en todo o relativo a Jácome , que estende e intensifica o bochorno sobre a cidade de Ourense”.
Lembrou que “o presidente Feijoo disgnosticou as calamidades que o persoeiro tería para os concidadáns , para acto seguido contribuír indignamente a mantelo”. Tras isto, o presidente Rueda “non tardou 48 horas (e vostede con el) en deixar patente a continuidade desa vergoñenta alianza”.