A Deputación de Ourense e a Ruta do Viño de Valdeorras porán en valor as covas que funcionaban como adegas tradicionais

Reunión Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) coa Asociación da Ruta do Viño de Valdeorras, representada polo seu Presidente, Joaquín Sánchez, a sua VicePresidenta Montserrat Rodríguez, e pola técnica da asociación Cristina Núñez.

Manuel Baltar, que se reuniu co presidente da asociación, Joaquín Sánchez, referendou “unha alianza baseada no serio traballo que está a facer este sector e ao que temos que achegar a forza económica da Deputación e o músculo do Inorde” 

Sánchez agradeceu o apoio do goberno provincial que se concretará en senllas achegas de 30.000 euros nas anualidades de 2022 e 2023 para gastos de funcionamento e proxectos como a recuperación das covas ou a segunda edición da BTT de Valdeorras 

AVANTAR ACTIVIDADES

A Deputación de Ourense e a Ruta do Viño de Valdeorras colaborarán na posta en valor das covas da comarca que antigamente funcionaban como adegas tradicionais, sendo a única denominación de orixe de Galicia en utilizar espazos escavados na terra para esta produción. O presidente provincial, Manuel Baltar, e o presidente da Ruta do Viño valdeorresa, Joaquín Sánchez, mantiveron unha reunión na que referendaron “unha alianza baseada no serio traballo que está a facer este sector e ao que temos que achegar a forza económica da Deputación e o músculo do Inorde”, manifestou Baltar. 

Valdeorras é unha denominación clave entre as catro áreas de produción da provincia con selo de calidade e entre as cinco existentes en Galicia, “coa que colaboramos desde hai anos porque cremos que non só desde o punto de vista enolóxico, senón tamén turístico, ten un peso importante de seu”, explicou o presidente provincial. A Deputación, lembrou, forma parte desta ruta do viño “como tamén das outras existentes na provincia, polo que fixemos un esforzo importante nos últimos anos para dotalas cunha achega económica que permita que os seus gastos de funcionamento e proxectos vaian adiante”.  

Nesta liña Manuel Baltar invitou ao presidente da Ruta do Viño de Valdeorras a coñecer aqueles proxectos nos que traballa a Deputación, a través do Inorde, e que poden ser do seu interese, “como tamén hai plans que promove a ruta e que baixo o amparo do goberno provincial poden ter máis potencial”. 

Durante o encontro que mantivo co presidente provincial, Joaquín Sánchez estivo acompañado pola vicepresidenta da ruta, Montserrat Rodríguez, e a técnica Cristina Núñez. Sánchez agradeceu a colaboración da Deputación, que se concretará en senllas achegas de 30.000 euros nas anualidades de 2022 e 2023 para financiar gastos de funcionamento e proxectos. 

Aproveitamento da xeoloxía como aspecto distintivo 

No tocante as actividades e xunto coa organización da segunda edición da BTT de Valdeorras, logo do éxito do pasado ano, Joaquín Sánchez puxo énfase na recuperación das covas da comarca onde se producía viño. “Un aspecto distintivo polo aproveitamento da nosa xeoloxía para elaborar e conservar o viño e que agora queremos poñer en valor”, asegurou. 

Para o presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, o potencial turístico da comarca é innegable, de aí a colaboración que manteñen con outras entidades da zona como o Clúster da Lousa e as posibilidades que ofrece o turismo industrial, un novo recurso que tamén conta co apoio da Deputación de Ourense.