Constituída a comisión de seguimento do plan de medidas antifraude para a xestión e execución dos fondos Next Generation

Reunión para a constitución da Comisión Antifraude da Deputación Ourense. Asisten Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense), José Ángel Sampayo Fernández (Xefe do gabinete de Presidencia), Mónica Legaspi (Interventora da Deputación Ourense), Juan Marquina (Secretario Xeral da Deputación Ourense), Miguel González López Mosquera (Tesoureiro da Deputación Ourense).
II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Manuel Baltar afirma que este órgano de control supón “un paso máis nesa liña de integridade institucional, de transparencia e goberno aberto que lideramos a nivel nacional e que nos fai ser unha administración de referencia” 

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A comisión está presidida polo propio presidente da Deputación, que participará con voz pero sen voto, “o que supón un plus de imparcialidade e unha garantía máis para o carácter técnico que debe ter este órgano” 

Baltar recalca a rigorosidade na xestión dos proxectos europeos xa concedidos, como o Plan de Sostenibilidade Turística en Destino (PSTD) “Ourense Termal”, e “os que están por vir”, referíndose a candidaturas como o PSTD “EnOUturismo”. “Un aspecto que tamén cobra relevancia”, explica, “nos órganos de ámbito europeo que presidimos e no traballo en rede que vimos poñendo en práctica desde hai anos con resultados visibles” 

Entre as competencias desta comisión figura a avaliación dos riscos de fraude nos procesos clave de execución dos fondos, garantir os controis internos, coordinar, concretar e propoñer melloras na política antifraude ou realizar accións formativas e de sensibilización 

A Deputación de Ourense procedeu á constitución da comisión técnica que se encargará de velar polo cumprimento do plan de medidas antifraude para a xestión e execución dos fondos Next Generation. “Un paso máis nesa liña de integridade institucional, de transparencia e goberno aberto que lideramos a nivel nacional e que nos fai ser unha administración de referencia”, afirmou Manuel Baltar tralo remate da primeira reunión deste órgano de control. 

A comisión está presidida polo propio titular da Deputación, que participará con voz pero sen voto “o que supón un plus de imparcialidade e unha garantía máis para o carácter técnico que debe ter este órgano, ademais de trasladar á veciñanza de Ourense que conta cunha administración fiable, seria e rigorosa”, subliñou Manuel Baltar. Os técnicos que participarán nesta comisión son o secretario xeral, Juan Marquina; a interventora Mónica Legaspi; o tesoureiro Miguel Ángel López; o xefe do servizo de Investimentos e Patrimonio, Javier Martínez; e o xefe do gabinete da Presidencia, José Ángel Sampayo. 

O presidente do goberno provincial destaca que “está demostrada rigorosidade da Deputación de Ourense na xestión dos fondos europeos xa aprobados” -como o Plan de Sostenibilidade Turística en Destino (PSTD) “Ourense Termal” ou o proxecto de dixitalización e sostenibilidade do comercio rural “CROu”-, “e os que están por vir”, engadiu lembrando as candidaturas presentadas para, por exemplo, o PSTD de enogastronomía “EnOUturismo”. “Algo que ten tamén a súa relevancia nos órganos de ámbito europeo que presidimos e no traballo en rede que vimos poñendo en práctica desde hai anos con resultados visibles”, recalca Manuel Baltar.  

Plan aprobado no pleno de marzo 

Entre as competencias da comisión, que volverá a reunirse no terceiro trimestre do ano, figura “a avaliación periódica dos riscos de fraude nos procesos clave de execución dos fondos, garantindo o bo funcionamento dos controis internos establecidos”, segundo reflicte o plan de medidas antifraude aprobado pola Deputación no pleno de marzo. Entre as súas funcións tamén está a coordinación e concreción da política antifraude, mesmo formulando propostas para a modificación ou mellora do citado plan. 

Este órgano de control tamén terá atribucións en materia formativa e de sensibilización, en tanto que poderá propoñer iniciativas “en materia de integridade institucional e ética” dirixidas ao persoal público. Ademais de examinar e responder a posibles reclamacións, os membros da comisión rexistrarán todos os controis realizados, indicando as medidas de prevención recomendadas, e deberán elaborar unha memoria anual na que se detallen as actividades desenvolvidas.  

Establécese tamén a posibilidade de contar cunha unidade de apoio integrada por persoas directoras, coordinadoras o responsables de áreas para canalizar e seleccionar toda a información, decidir o uso de ferramentas informáticas e a dotación de medios e recursos para a xestión de proxectos e actuacións financiados polo Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia. 

Medidas de control no marco do plan de recuperación 

O plan de medidas antifraude da Deputación de Ourense e dos seus organismos dependentes e adscritos é un trámite establecido pola Unión Europa para que as administracións públicas adopten procedementos de control no marco do plan de recuperación. 

Mediante este documento establécense os principios e as normas que se aplicarán en materia antifraude, anticorrupción e co fin de evitar os conflitos de intereses, en relación cos fondos provenientes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. O seu contido xa reflicte medidas adoptadas con anterioridade polo goberno provincial, como o control financeiro desde a área de Intervención e a observación de ausencia de conflito de intereses desde o departamento de Contratación. A aprobación deste plan supón un punto de inflexión como modelo de referencia a adoptar de forma estable na xestión dos restantes recursos públicos asignados á Deputación.