Felipe Senén: “Xoán Xacobe Fernández, o franciscano de Moire e mártir en Damasco”

Por Felipe-Senén

Un dos países máis atractivos polas súas fondas raiceiras históricas e dos máis martirizados é Siria. As civilizacións e en especial a cristiandade afunden as súas raiceiras neste territorio do “Crecente Fértil”, o regado polos ríos Tigris, Éufrates, Orontes, Xordán, Nilo … veigas e desertos sobre os que se erguen tells con restos de antiguísimas cidadelas bíblicas… Oriente cara ao que nos orientamos e oramos, onde madurou a Lei e con ela o Verbo e tantas cousas que conforman a nosa base cultural. Terra de eremitas, ebrios de Deus, cavernícolas, dendritas, estilitas como Simeón de Qalaat Semaan

AVANTAR ACTIVIDADES

Como apaixonado dos desertos árabes  e de lecturas como “ Y la Biblia tenía Razón” de  Werner Keller –  libro que na miña adolescencia, recen publicado a inicios dos sesenta, vin e merquei nas “Colonias de Antonio Soto” do Carballiño” –  fun aguilloado a visitar e en varias ocasións estes territorios, mesmo en algunhas xa servindo de guía ao grupo de “Amigos dos Museos de Galicia”. E así  fomos medindo o mundo dende o sistema métrico e a sensibilidade de galegos que somos, buscando influencias co noso extremo occidente, que haber hainas.

Furna cos restos mártires damascenos. foto Felipe Senén

Viaxes fora do turismo convencional, por camiños arqueolóxicos , entrando en exotismos de turbantes, incenso, mirra, músicas de tambor e citara, de sabores espesos a café e cha… Por alí temos sabido e logo lido sobre as peripecias da estraña lady Sther Stanhope, a fidalga londinense amante de Sir John Morre, abatido na batalla de Elviña… e que no 1809  dende a Coruña, como fuxindo, embarcou nunha viaxe, sen retorno, cara este mítico oriente e fíxoo vestida de home, fisgando, curando e facéndose querer, para vivir entre as ruínas do Templo do Sol de Palmira. Os nativos vían nesta esbrancuxada inglesa unha reencarnación da antirromana raiña Zenobia… Lady Sther morreu, rodeada dos seus gatos nun castelo druso, Libria, no 1839. Referente entre as viaxeiras.

Siria,onde Damasco, baixo o monte Quasión, onde Caín asasinou  ao seu irmán Abel, é un atractivo foco que anima os sentidos: a mesquita dos Omeyas erguida sobre a grandiosa basílica constantiniana do século IV … o zoco de Alhamidiyah sobre o que foi foro romano….cidade labiríntica de historias, mesmo onde os das terras do Carballiño atopamos un anaco da nosa propia historia, a do franciscano Juan Jacobo Fernández.

Ben sabemos da gran contribución que a estas terras dos ribeiros ten aportado a  misión do Santo de Asís e canto a esta devoción ten contribuído a imprenta compostelán de “El Eco Franciscano” . Mesmo o templo da Veracruz ten a orixe pra veneración dese Lignum Crucis, regalo – á entón recen creada parroquia – polo franciscano carballiñés, Frai Pedro Fernández… Onde ademais San Clodio de Leiro é o berce do P. Samuel Eiján  Lorenzo (1876-1945), poeta e sobre todo necesario historiador da orde franciscana, como tamén o é Lousado, de Piñor de Cea, dos irmáns Rodríguez Legísima, entre eles, P. Juan  (1884-1984), conservador dos santos lugares, creador do Museo de Terra Santa nos franciscanos de Compostela e autor de  “Héroes y Mártires gallegos. Los Franciscanos de Galicia en la Guerra de la Independencia” (1911), onde abondan os datos sobre as andanzas e influencia dos frades entre as guerrillas antifrancesas polas terras do Carballiño e Ribadavia.

Placa en lembranza de X. Jacobo Fernández en S. Francisco (Damasco). Foto Felipe Senén

 As terras do Carballiño, de misioneiros e historiadores franciscanos

Máis será o devandito Samuel  Eiján, autor de “Los Franciscanos en Ribadavia” quen abonde en datos sobre Xoán Xacobe Fernández, e será en  ”El heroismo en Tierra Santa, Mártires Damascenos en 1860” (1928): case como unha novela na que contextualiza a vida de Xoán Xacobe,  consciente do interese que ten pra pros fieis esta nova axiografía.

Documentación que complementa quen foi coñecido coengo da catedral compostelán, Cesáreo Gil Atrio, pra incluílos no seu libro “Santos Galegos” (1976. Páxinas nas que non faltan noticias sobre os grandes santos galegos, como San Froilán, San Rosendo, San Pelaio e Pedro de Mezonzo, San Francisco Blanco ou Sebastián Aparicio… pero tampouco os referidos a Xoán Xacobe Fernández, entre outros que non pasaron ao martiroloxio Romano, como pode ser o noso San Vintila de Punxín. Gil Atrio reafirma as virtudes – xa contadas – daquel neno que con frecuencia visita a capela das Neves en Arenteiro, que é traballador no agro; atopa ademais que José María Pemán retrata a  Juan Jacobo  na “Balada de las dudas del Lego”.

E como non, acollendo tal importancia franciscana, neste repertorio bibliográfico sobre os franciscanos en Galiza, non debe faltar a obra de José Manuel García Iglesias “El franciscanismo en Galicia, ayer y hoy de su patrimonio artistico” (2019)  que complementa un documentado paseo a través das estruturas, da fonda pegada humanística e polo tanto artística da misión franciscana en Galiza. 

Polo devandito sabemos que Xoán Xacobe naceu en Moire, Piñor de Cea,  baixo a estrela dun día de Santiago do ano 1808,  que o seu pai era Benito Fernández da Fonte e a súa nai Benita Fernandez Losada, nomes nos que se nota a influencia bieita de Oseira na bisbarra e o carácter tribal de xentilidade. Matrimonio do que naceron sete fillos, entre eles dúas mulleres, Xoán Xacobe era o penúltimo. A partida de bautismo na prarroquia de Santa Maria de Carballeda, asinada ao día seguinte de nacer polo párroco Juan Benito Conde Abad da conta dos avós, dos padriños… todos de Moire  e apunta “ a los que advertí el parentesco espiritual y demás obligaciones…”.

Hai constancia de que no 1831  Xoán Xacobe  ingresa no convento franciscano de Santa María de Herbón, nas ribeiras padronesas do Ulla,  niño de frades predicadores que rivalizaron con dominicos e xesuítas. Protexido ali polo padre Fr. Domingo Briones. Ao respecto merece coñecerse o libro do P. Ramón Mª. Blanco “El Colegio Misionero de Herbón”, a través de los siglos” ( (1925), páxinas que nos permiten entender a grandeza e a influencia dos seguidores do fratello de Asís en Galiza.

Nos anos da exclaustración de Mendizabal que tanto afectaron ao convento de Herbón, aquel novizo volve a Moire, non antes sen poñer a salvo da rapina algúns obxectos valiosos do convento e dos que deixa constancia en carta ao P, gardián Idelfonso Garcia. Refúxiase entón na súa casa natal, ate que, chegándolle noticias de novas misións toma novo rumbo e un 13 de febreiro do 1859, dende Valencia, embarca – con varias escalas por medio – rumbo a Xaffa e os Santos Lugares que entusiasmado visita. Continúa o seu periplo cara Damasco e escolle pra súa misión o barrio armenio, preto da capela subterránea de San Ananías e das portas de Bab Sharqi e Bab Keisan, parte vella e murada, onde a tradición conta que Pablo caeu do cabalo pra facerse piar da cristiandade.

Caliz de Galicia en San Ananías (Damasco) Foto Felipe Senén

Xoán Xacobe colabora como cociñeiro nunha comunidade franciscana  que erixe un templo con terraza e campanario. Escenarios de crueldade nos que un 19 de xullo de 1860 é torturado, xunto con outros sete compañeiros….Contan as crónicas franciscanas que arroxado dende a terraza morreu santamente pronunciando palabras de perdón en lingua vernácula… Os restos daqueles mártires ocultáronse, ata que en novembro do 1861 son exhumados do seu acocho nos sotos do convento. En 17 de decembro do 1885 ábrese a causa de beatificación e a diocese ourensá celébrao de moitos xeitos este feito.

A historia do mártir de Moire esperpentizada polo seu parente Camilo José Cela

O escritor Camilo José Cela, parente de Xoán Xacobe, po vía paterna, retorce e esperpentiza esta historia pra incluíla polos seus camiños literarios nesa magnifica novela ambientada nestas terras de Piñor de Cea, “Mazurca para dos muertos”. Cela di que por aquí case todos son parentes seus, caracterizados po ter cara de cabalo….  Sabemos que na veciña Corna os mozos apresuraban a casarse, que nas festas había liortas entre os mozos, que chegaban a sangue… Terras de ida e volta tamén do meu lembrado Pepe Paz, identificado con  Tagore ate reunir a mellor biblioteca do autor e escoller Bengala pra levar a derradeira parte da súa vida.

Novela dun Cela retranqueiro, irrespectuoso, na que retrata a un mozo Xoán Xacobe    insatisfeito sexual, co que a súa familia non sabe que facer, como tampouco os seus fratellos… pra mandalo lonxe, a Siria…onde seguira tentando ás exóticas mouriñas, perseguido e torturado, pra no final do seu suplicio pronunciar unhas blasfemias…iso si, en lingua vernácula…. Novela que compre ler a modo, si acaso acompañados cun dedal de augardente de herbas pra darlle sabor e, de fondo, a ronca música de zanfona.

Reliquias de X.Xacobe en Damasco. Foto Felipe Senén

O barrio damasceno de San Ananías caracterizase polos artesáns de caixas, estoxos, relicarios, cruces feitas de madeiras nobres con nácara incrustado, algunhas das que podemos atopar en casas nobres e sancristías de igrexas galegas. Naquela nova Igrexa dos padres franciscanos, Bab-Touma, están nunha capela e baixo o seu   altar o restos óseos de Juan Jacobo Fernandez e unha placa que lembra a súa aldea natal. Tamén sobre a casa de Moire campa outra placa que di “En esta casa naceu o 25 de xullo de 1808 el insigne beato Juan Jacocobo Fernández, religiosos de la Orden Franciscana, matirizado en Damasco Siria) el 9 de julio de 1860. Beatificado por Pio XI el 10 de outubro de 1926. Homenaje de sus paisanos.. Na Igrexa de San Ananías temos visto un  cáliz cunha inscrición na base, que di regalo da comunicade franciscana de Compostela a aquel templo…

O 10 de outubro de 1926 o  Papa Pío XI beatificou a estes oito mártires damascenos, dende entón tiveron altar en moitas igrexas franciscanas.

Desta mesma xentilidade, como se dun clan castrexo ou parroquial se tratase, a máis de Cela, saíron outras ilustres personalidades, como o médico cirurxián Cesáreo Fernández Losada, o escritor Modesto Fernández González, o boticario Modesto Fernandez Román, os irmáns Temes… A Historia continúa.

—————————————————————————————————

Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————

Outros artigos de Felipe Senén:

Felipe Senén: “As Adegas, un idílico e misterioso lugar no ribeiriño do rio Varón”

Felipe Senén: “O profesor de debuxo, os carteis e as iniciativas de Felipe-Luis López”

Felipe Senén: ” O gran fotógrafo Alberto Martí e o Carballiño

Felipe Senén: “A Pena de Queiras entre os outeiros, “ou altares” que coroan o Carballiño “

Felipe Senén: “Veremundo Arias Teixeiro, de Cabanelas, persoeiro barroco nos anos da Ilustración”

Felipe Senén: “Flores, o barrio da parte de atrás do Concello”

Felipe Senén: “A saga familiar do arquitecto Gallego Jorreto e o Carballiño”

Felipe Senén: “Arredor das pontes sobre os ríos do Carballiño”

Felipe Senén: A fervenza artificial do Arenteiro nas Tres Penas

A Praza de Abastos: catedral do mercado gastronómico e que, de vello, honra ao Carballiño

Pregóns, aturuxos, voces, músicas ou asubíos do meu Carballiño

O bulir da feira do Carballiño arredor do sitio da súa orixe: a Praza Maior e a Igrexa Vella

O Campo da feira do meu Carballiño

A peregrinación a Compostela dos de “Nós”, con parada e fonda no Carballiño

Vicente Risco e a peregrinación como ascese. A viaxe a pé de Ourense a Compostela…polo Carballiño

Fariña Jamardo, algo máis que singular secretario do concello do Carballiño

O Carballiño nos horizontes da Trasalba de Otero Pedrayo

O Río Arenteiro, vea de auga, de economía, de historia e cultura

Francisco Luís Bernárdez, o poeta masidao que levaba prendido o panteísmo galego

O Castro de San Cibrao das Las enxergando as bocarribeiras e os ribeiros

Chamoso Lamas e os vellos e grandes muíños de Moldes

O Románico, documento da misión humanista no territorio do Carballiño

Banga dos pazos e a súa Igrexa de Santa Baia: antoloxía cultural dos Ribeiros

Inspiradores ires e vires de Marineda á Vilamorta no Ribeiro dos Quiroga

Os arrieiros do Carballiño…e un curioso documento

Un paseo a través da arte do imperial Mosteiro de Oseira

O mosteiro de Oseira… lección de historia e arte

Manuel Chamoso Lamas e a xestión do Patrimonio Cultural

Cando a orixinalidade radica nas orixes: arredor da feira do Carballiño

Outros apuntamentos para a historia do cine no Carballiño

A Residencia do Carballiño: os promotores, o arquitecto, os residentes…

O monumento aos irmans Prieto do Carballiño e o seu escultor Larrauri

Arqueoloxía do Megalitismo nas Terras do Carballiño: as mámoas, medorras, medelas…

As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño”

Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…

O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”

Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega

A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre

O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba

O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán

Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida

Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo

Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo

Memorias da Coresma

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño