COMUNICADO DA FORMACIÓN DE ESPAZO COMÚN DO CARBALLIÑO:
Xa van alá dous anos dende que se comezou a preguntar nas sesións plenarias pola situación do Asilo do Carballiño e polos drásticos cambios que se están a producir na súa forma de xestión.
Dous anos nos que por parte das institucións responsables non se recibiron máis que evasivas e o mostras do máis absoluto escurantismo.
No transcurso dise tempo, a preocupación da cidadanía do Carballiño foi medrando, vendo como se ía destruindo un legado histórico para transformalo tan só nunha residencia privada. Despoxando a un símbolo local de todo o seu significado e razón de ser.
Despois dunha manifestación e de diversos compromisos incumpridosno referente á entrega de documentación, a día de hoxe, seguimos sen ter visto unhas soas contas e seguimos con moitas dúbidas sobre a titularidade das moi valiosas propiedades legadas pola familia fundadora.
Ante este escenario, Pachi Vázquez promove a creación da Asociación para a Defensa do Asilo do Carballiño. A iniciativa nace coma un lugar de encontro onde todos aqueles que estean preocupados polo presente e o futuro dunha institución tan importante para o noso pobo, poidan traballar en positivo para a súa recuperación.
Os obxectivos principais serán garantir a transparencia absoluta na xestión do Asilo e de tódolos órganos relacionados coa Fundación Irmáns Prieto e, por suposto, garantir o cumprimento da vontade inicial dos benefactores que sempre foi axudar aos máis necesitados desta comarca.
Nos vindeiros días, farase unha convocatoria pública para que quen o desexa poida integrarse e formar parte da mesma.