ABANCA e os empresarios do polígono de Barreiros traballan para buscar solucións que melloren a competitividade

  •  A entidade financeira e a Asociación de Empresarios do Polígono Barreiros elaboran unha oferta financeira e de servizos a medida
  • O banco aposta pola modernización e mellora das empresas que conforman o polígono

ABANCA e a Asociación de Empresarios Polígono Barreiros veñen de asinar un acordo de colaboración que ten como obxectivo garantir o futuro das empresas que a conforman. As dúas entidades avanzaron na elaboración dun catálogo cheo de alternativas deseñadas a medida para as empresas da área industrial.

O texto foi rubricado esta mañá en Ourense polo director de zona de ABANCA en Ourense centro, Enrique Romero, e polo presidente da Asociación de Empresarios Polígono Barreiros, Alejandro Cruz. Durante o encontro, ambos representantes conversaron sobre os novos retos e desafíos aos que se enfronta a área industrial e sobre a chegada dos fondos Next Generation da Unión Europea. Non en balde, o banco conta cunha unidade adaptada para a xestión destes fondos, con produtos es asesoramento a medida.

AVANTAR ACTIVIDADES

No acordo especifícanse unha serie de alternativas do plan de financiamento, con  produtos e servizos creados para reforzar a competitividade dos seus proxectos e así poder facer fronte aos investimentos. Os empresarios contarán con produtos deseñados especificamente, como os préstamos persoais e hipotecarios, leasing mobiliario, con amplos prazos de amortización, posibilidade de carencias e xuros moi competitivos. Os asociados tamén poderán gozar das vantaxes que lles ofrecen outros produtos e servizos, como as pólizas de crédito, liñas de desconto comercial, avais, confirming ou factoring.

Así mesmo, os empresarios gozarán das vantaxes que lles ofrece o Programa Servizos ABANCA, co que poderán deixar de pagar polo mantemento de contas ou tarxetas, transferencias, ingreso de cheques e outros servizos. Así mesmo, os asociados poderán empregar a banca electrónica, o Bróker Online, ABANCA Pay e o servizo ‘Appúntame’, que lles facilitará a xestión sinxela de calquera tipo de cotas, domiciliacións e subscricións para eles mesmos e os seus clientes.