A veciñanza presenta máis de 1.000 alegacións contra o proxecto eólico Lamas de Feás

Greenalia e o alcalde de Calvos de Randín, Aquilino Valencia, compareceron onte, a tres días do remate da exposición pública, para intentar levar aos comuneiros a negociación coa empresa.

A veciñanza de Calvos de Randín, Os Blancos e Baltar, co apoio de STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA, recolleu máis de 1.000 alegacións contra os proxecto de polígono eólico Lamas de Feás. A semana pasada rexistraron máis de 500 e hoxe martes rexistrarán outras tantas nos concellos afectados.

AVANTAR ACTIVIDADES

STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA participou onte luns na reunión na Casa da Cultura de Calvos de Randín na que o alcalde, Aquilino Valencia, recorreu á dous técnicos de Greenalia que se presentaron como autores do proxecto, e a dous técnicos, Alfonso Braña e Alfonso Grande, avogado, que se presentaron como expertos independentes.

O alcalde, Greenalia e os dous supostos expertos trataron durante máis de 3 horas de convencer ao máis de medio cento de veciñas e veciños, entre eles, comuneiros de Feás, Lobás e Serois, de que tiñan que ir a unha negociación con Greenalia para obter o máximo beneficio posíbel.

Foron Alfonso Braña e Alfonso Grande quen máis insistiron na negociación, obviando os impactos medio ambientais, patrimoniais, paisaxísticos, para a saúde humana e para as economías das familias que terían os 7 aeroxeradores de 200 metros de altura (dúas veces e media a catedral de Santiago).

Quedou en evidencia para os asistentes que Braña e Grande viñan con unha estratexia moi básica: mostrarse opostos aos plans da empresa para acabar suxerindo unha mesa de negociación coa empresa. Ambos, o mesmo que o alcalde e Greenalia, son conscientes de que a maioría das veciñas e veciños non queren os eólicos e o seu obxectivo foi poñer cartos diante dos ollos das veciñas e veciños.

Os supostos técnicos independentes acabaron falando máis ca propia empresa e, con malos modos e entre asubíos de moitos dos asistentes, tiveron que recoñecer que non mantiveran contacto, porque non as representan, con ningunha das comunidades de montes afectadas e que estaban alí como “convidados” do alcalde.

Os dous técnicos da empresa falaron pouco (un deles, nada). O que falou dixo que el limítase a deseñar proxectos alí onde lle indica a empresa, que non hai estudos de impacto social nos proxectos, que non saben como han afectar os muíños aos acuíferos da zona, que a Liña de Alta Tensión (tamén en fase de exposición pública) podería servir nun futuro para conectar máis polígonos, e máis muíños, que a zona que delimita o perímetro do parque podería acoller máis infraestruturas se así o decide a Administración e que en Greenalia traballan hoxe ex altos cargos da Administración autonómica.

O alcalde negouse a adoptar unha postura como Concello a favor ou encontra dos eólicos e intentou ridiculizar o contido das alegacións presentadas pola veciñanza dicindo que eran “niñadas”. As alegacións que elaborou esta plataforma, que son as únicas que até hoxe se presentaron contra o proxecto.

A só tres días do remate do prazo de alegacións, o alcalde non aclarou que tipo de alegacións presentará o Concello a respecto do polígono e da Liña de Alta Tensión, e considerou que a alcaldesa de Porqueira, única rexedora entre os 8 concellos afectados pola LAT que se opón publicamente á infraestrutura, en realidade oponse porque non hai polígono no concello de Porqueira que deixe beneficio nas arcas daquel Concello.

BANDE E VEREA

A alcaldesa de Bande, Sandra Quintás (PP), convocou comuneiros afectados polo proxecto de Greenalia no Monte Grande a unha reunión coa empresa pasado mañá xoves.

En Verea, o alcalde José Antonio Pérez Valado (BNG), cuxo partido apoia e participará este próximo domingo en Compostela na manifestación contra a invasión eólica, convocou comuneiros e veciños a dúas reunións os dous sábados anteriores. Na primeira, chamou aos veciños para presentar a un técnico que dixo que viña en nome dunha multinacional con sede en Madrid, e despois abandonou a reunión. Os veciños recibiron desa maneira a primeira noticia dun novo polígono que non é nin o compartido por Verea con Bande (Monte Grande) nin o compartido con Celanova (Monte da Neve).

O pasado sábado, 28 de maio, o alcalde volveu convocar ás veciñas, acompañado dun técnico para lles informar, dixo, sobre o proxecto de Liña de Alta Tensión de Greenalia. O alcalde vén dicindo que o seu apoio á instalación de centrais eólicas só responde ao interese demostrado polos veciños.

Pois parece que iso xa non está tan claro. Comuneiros de Sangüñedo, de Casares, de Outeiro cuestionaron os eólicos. Nas aldeas do Vieiro e de Portela tamén hai xente preocupada polo paso da Liña de Alta Tensión.