A Deputación adhírese á declaración institucional da FEMP con motivo da celebración do Día Internacional do Orgullo LGTBI

A Xunta de Goberno aprobou hoxe a concesión de 276.000 euros en subvencións para apoiar o movemento veciñal, proxectos no marco do programa EmprendOU, cooperación cos concellos e con entidades culturais

Manuel Baltar tamén anunciou a convocatoria do XXXII Premio Xosé Aurelio Carracedo, que inclúe como novidade o recoñecemento á traxectoria dun xornalista

AVANTAR ACTIVIDADES

O presidente do goberno provincial insistiu na reclamación da urxente convocatoria da Comisión Nacional de Administracións Locais (CNAL) para abordar os axustados prazos de execución dos fondos europeos: “É unha falta de respecto non escoitar de viva voz as demandas do mundo local español”

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida esta mañá por vía telemática baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou a adhesión da administración provincial á declaración institucional da FEMP con motivo da celebración do Día Internacional do Orgullo LGTBI, o próximo 28 de xuño. Ademais, tamén deu luz verde á convocatoria do XXXII Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo, que este ano ten como novidade un galardón dotado con 3.000 euros para recoñecer a traxectoria profesional dun periodista con vínculos persoais ou laborais con Galicia e, de xeito especial, coa provincia de Ourense. 

O Premio Carracedo distinguirá tamén un traballo xornalístico publicado no 2021, cuxa temática estea relacionada co interior de Galicia e a realidade cotiá da provincia de Ourense, galardón que estará dotado con 1.500 euros. O prazo de presentación dos traballos escritos, gráficos, audiovisuais ou dixitais finalizará o 20 de xuño e deberán estar publicados en medios de comunicación, tanto galegos como do resto de España, entre o día 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2021. 

O xurado estará presidido polo presidente da Deputación de Ourense, ou persoa na que delegue, actuando como vogais un representante do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, da Federación de Asociacións de Periodistas, da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, e da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación da Universidade de Vigo. O secretario será o asesor de Comunicación da Deputación.

O Premio Xosé Aurelio Carracedo de xornalismo ten como finalidade homenaxear e lembrar á figura do periodista ourensán (Petín, 1942 – Ourense, 1988) que desenvolveu con mestría o seu labor informativo, sendo respectado, recoñecido e admirado desde a propia profesión ata o conxunto da sociedade ourensá.

Axudas para colectivos veciñais e o programa EmprendOU

A Xunta de Goberno tamén aprobou esta mañá a resolución de senllos concursos de subvencións. O primeiro para financiar gastos de funcionamento de federacións ou agrupacións de asociacións veciñais. Unha vez valoradas as solicitudes que se presentaron a esta convocatoria acordouse conceder máis de 18.500 euros á Federación Ourense Limiar; preto de 17.500 euros á Agrupación Miño; e case 7.000 euros á Federación Provincial  de Mulleres Rurais de Ourense.

A segunda resolución de subvencións enmárcase no programa EmprendOU, destinado a proxectos empresariais e de autoemprego en municipios rurais de menos de 5.000 habitantes. Desta volta financiarase cunha axuda de 7.500 euros un proxecto de servizos culturais a desenvolver no Concello de Monterrei.

Na súa comparecencia trala reunión da Xunta de Goberno, Manuel Baltar puxo en valor un programa “que só levan a cabo cinco provincias en toda España, e unha delas é Ourense a través da Deputación”. Ata agora, subliñou, grazas ao apoio do goberno provincial e do Fondo Social  Europeo “xa son máis dun cento os casos de éxito deste plan no noso territorio, ofrecendo aos menores de 35 anos unha alternativa para que desenvolvan os seus proxectos profesionais e de vida nos seus respectivos concellos”.

Cooperación cos concellos e entidades

No capítulo de cooperación cos concellos concedéronse as seguintes axudas: 51.000 euros ao Concello de Avión para gastos da escola infantil municipal; 9.000 a Punxín para gastos de bombeo de auga e outros 5.000 para transporte de persoas dependentes; 30.000 euros para a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e 21.000 máis para o mantemento da escola infantil no mesmo concello; 9.000 para gastos de bombeo de auga en San Amaro; e 27.000 euros para gastos de funcionamento da Mancomunidade de Municipios da comarca de Verín.

No apartado de cooperación con entidades aprobáronse tres subvencións para financiar gastos de funcionamento: 35.000 euros á Fundación Otero Pedrayo; 14.000 á Fundación Vicente Risco; e 25.000 para a Real Academia Galega.

Manifesto pola plena igualdade, dignidade e libre identidade sexual e de xénero 

Manuel Baltar destacou a mencionada adhesión da Deputación á declaración institucional da FEMP polo Día Internacional do Orgullo LGTBI, aprobada onte en Madrid durante a reunión da Xunta de Goberno da federación na que estivo presente o presidente da Deputación de Ourense. Un documento no que se invita a todas as entidades locais españolas a sumarse “á defensa nítida do dereito á plena igualdade, dignidade e libre desenvolvemento da identidade sexual e de xénero”. 

O manifesto tamén recolle o compromiso para promover “políticas que favorezan a concienciación social” e destaca a necesidade de medidas lexislativas que impidan “o trato discriminatorio” destes colectivos en calquera nivel da administración, sen deixar de expresar a “especial preocupación” pola persecución que aínda hoxe existe en algúns países da homosexualidade e transexualidade.

Tamén en referencia á reunión do órgano de dirección da FEMP, Manuel Baltar incidiu na reclamación ao Goberno central da urxente convocatoria da Comisión Nacional de Administracións Locais (CNAL), co fin de abordar os problemas orixinados polos axustados prazos de execución dos fondos europeos de recuperación. Un encontro xa solicitado hai meses pero que aínda segue sen resposta, situación que Baltar cualificou como “unha falta de respecto por non escoitar de viva voz as demandas do mundo local español”.