O alcalde reúnese co director provincial de tráfico para avaliar o actual estado e perigosidade da N-525 ao seu paso por Trasmiras

  • Emilio José Pazos Ojea, o rexedor, solicitou a xuntanza logo de que a Asociación de Veciños “Virxe da Gracia” requerise nun escrito novas medidas de control.
  • Un informe da Garda Civil de Tráfico conclúe que na travesía da N – 525 non “existe unha problemática na seguridade vial relacionada cos excesos de velocidade, onde só un 4,6 por cento dos vehículos controlados circularon sobrepasándoa”.

O rexedor municipal, Emilio José Pazos Ojea, mantivo onte unha reunión co Director Provincial de Tráfico en Ourense, David Llorente, para avaliar os resultados do informe que a Garda Civil elaborou logo da petición formulada pola Asociación de Veciños “Virxe da Gracia” de Trasmiras, na que se solicitaba, por correo electrónico ao Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense, a adopción de medidas excepcionais polos “supostos excesos de velocidade na travesía da Nacional – 525” ao seu paso pola capitalidade do municipio.

O director provincial trasladoulle nese encontro ao alcalde de Trasmiras os resultados do informe realizado, que conclúe, malia ao referido nese escrito polos representantes da Asociación de Veciños “Virxe de Gracia”, que “non existe unha problemática na seguridade vial relacionada cos excesos de velocidade, pois só un 4,6% dos vehículos observados circulan sobrepasando o límite de velocidade legalmente establecido”, recolle a Garda Civil no seu informe.

AVANTAR ACTIVIDADES

O alcalde, Emilio Pazos, agradeceulle a celeridade ca que a Dirección Provincial “se puxo mans a obra avaliando esa suposta problemática da que falaban os veciños. Ben é certo que os pasos de peóns precisaban dun repintado, pero tamén o é que tanto os transeúntes coma os nosos veciños son moi respectuosos coas normas de seguridade, agás algúns casos esporádicos que todos seguro temos experimentado”, sinalou, para concluír que “o informe da Garda Civil non deixa lugar a dúbidas. Dos seis controles de velocidade que se fixeron durante todo o mes de abril e maio, controláronse 628 vehículos e só 29 superaban o límite de velocidade fixada. Nese periodo tamén se efectuaron controis de droga, en días distintos aos dos controis de velocidade, e das 75 probas efectuadas, só un conductor deu positivo en sustancias estupefacientes”, recalca o rexedor.

Pazos Ojea remata asegurando que “esta liña de colaboración manterase no tempo coa Dirección Provincial de Tráfico, como tamén así nos transmitiu o seu director David Llorente. Que os resultados desta avaliación sexan positivos non implica que non sigamos na liña de incrementar en todo o posible a seguridade e vixilancia dese treito para reducir ao máximo as infraccións e os sinistros de tráfico”, rematou.