O caos e a saturación do CHUO irá ao pleno do Concello de Ourense deste venres da man do BNG

Solicitarán apoio do resto da Corporación para esixir á Xunta de Galiza que adopte todas as medidas necesarias para corrixir a situación límite na que se atopa actualmente o persoal do Complexo Hospitalario

Tal e como afirma o BNG na súa moción, a pandemia vai quedando atrás e o sistema sanitario que xa anteriormente se atopaba nunha situación límite, estase revelando insostíbel. Faino ademais nun contexto no que desde o Goberno galego non soamente non se atenden as demandas do sector ou mesmo da veciñanza senón que, tal e como afirman na moción, “néganse realidades como poden ser as ringleiras de doentes agardando nos corredores de Urxencias”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Por este motivo, desde o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense, solicitarán apoio ao resto da Corporación para demandar da Xunta de Galiza medidas encamiñadas a acadar, á maior brevidade posíbel, os reforzos de persoal necesarios para dar cobertura á atención de urxencias e hospitalaria así como a adoptar aquelas medidas conducentes a evitar o deterioro da atención sanitaria, a sobrecarga do seu persoal e o enquistamento dos conflitos laborais e organizativos.

No BNG lembran que a situación é tan extrema que o pasado 25 de marzo a Comisión de Centro do Complexo Hospitalario de Ourense presentaba no Rexistro da Xunta unha convocatoria de folga pola incapacidade negociadora da Xerencia de Área, a falta de transparencia na información proporcionada así como o enquistamento de conflitos laborais con servizos sen visos de ser abordados por parte da Xunta de Galiza, como é o caso de medicina interna ou urxencias.

Segundo os nacionalistas, a Xunta gábase continuamente dos investimentos que no ámbito sanitario ten realizado nos últimos anos e concretamente ao que a reforma e ampliación do CHUO se refire, que ao entender do BNG, “non son máis que parches para evitar o realmente necesario e que sí se acometeu noutras cidades do país, a construción dun novo Complexo Hospitalario nunha nova ubicación que permita unha maior accesibilidade”.

Conclúen os nacionalistas en que estamos ante “grandes investimentos en edificios aos que despois non se dota do persoal e dos medios suficientes para garantir unha boa atención aos doentes”.