O PsdeG e o Bng denuncian que Jácome veta á oposición o acceso ás obras da praza de abastos e esixen “transparencia” para coñecer o estado das mesas

Socialistas e nacionalistas critican as “escuras artimañas” do rexedor ao que acusan de “impedir que ambos grupos políticos visiten as obras, coa única intención de agochar a súa nefasta xestión”

 Piden que se convoque o vindeiro luns e de maneira “urxente” unha reunión da comisión de seguimento das obras na que “estean presentes todas as partes implicadas, incluídos os grupos políticos”

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Ourense e o BNG de Ourense denuncian conxuntamente o “escurantismo” por parte do alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, e dos seus socios de goberno do Partido Popular con respecto ás obras da praza de abastos nº1 de Ourense. Socialistas e nacionalistas veñen de rexistrar un escrito no que lle solicitan ao rexedor da cidade a convocatoria da comisión de seguimento das obras da praza e que se proceda, por parte da alcaldía, a autorizar a ambos grupos a visitar ditas obras, tras varios “vetos” de Jácome que impediron a visita as obras e esíxenlle “transparencia”.

Ambos grupos municipais remarcan que “levamos pendentes dende hai meses dunha visita ás obras da praza de abastos número 1 de Ourense, antes do remate das mesmas”, pero tal e como afirman “ata o momento non houbo resposta, nin tampouco autorización por parte da alcaldía”. Neste senso, tanto o PSdeG-PSOE como o BNG critican as “escuras artimañas” de Gonzalo Pérez Jácome ao que acusan de “impedir que ambos grupos políticos visiten as obras, coa única intención de impedir a fiscalización por parte de ambos grupos da oposición e de agochar a nefasta xestión do rexedor no relativo a praza”. “Preguntámonos que ten que agochar o alcalde para impedir que os PSOE e BNG realicen unha visita ás obras?”, sinalan dende ambos grupos.

PSdeG-PSOE e BNG tamén lle esixen o bigoberno da cidade que se convoque para o vindeiro luns día 6 de xuño e de maneira “urxente”, unha reunión da comisión de seguimento das obras da praza de abastos e piden que na mesma “estean presentes todas as partes implicadas, incluídos os grupos municipais no Concello de Ourense”. Tamén lle solicitan ao rexedor que o próximo luns se proceda a autorizar por parte da alcaldía a visita ás obras da praza tanto ao PSOE como ao BNG, xa que tal e como apunta “solicitámolo en numerosas ocasións, sen obter resposta” e subliñan tamén que “queremos que nos acompañen todas as partes implicadas no futuro desenvolvemento deste proxecto”.

Socialistas e nacionalistas tamén piden que se “constitúa” e se “conte” coa presenza dos dous grupos municipais na comisión de seguimento, xa que como sinalan “xa foi constituída e celebráronse varias reunión a que ningún dos dous grupos foi convocado, como si se facía nas anteriores comisións constituídas nos mandatos pasados”. PSdeG e BNG tamén destacan que o vindeiro martes 7 de xuño “convocarase un pleno extraordinario no que un dos asuntos a debater e aprobar é precisamente a modificación orzamentaria relativa, entre outras cousas, á dotación orzamentaria precisa para dar continuidade ás obras pendentes”. Apuntan a que ata o momento “nada sabemos, máis aló de datos de orzamentos nos que non se concreta nada e que non aportan ningunha solución as dúbidas que está a xerar a xestión do goberno municipal”.

Ambos grupos políticos afirman que “somos coñecedores de eivas na execución das obras de rehabilitación do edificio, que se atopan próximas a rematar e descoñecemos totalmente cal é a folla de ruta do goberno municipal con respecto á urbanización da contorna, a rehabilitación do rianxo e outras cuestións de accesibilidade e funcionalidade desta obra estratéxica e clave para o futuro da cidade”.