Avantar e a campaña de afiliación de novos socios

Os primeiros pasos da Asociación Cultural AVANTAR remóntanse ao verán de 1974, a aquelas xuntanzas no xardín do balneario do Carballiño, nas que un pequeno grupo de mozas e mozos, estudantes e xente que comezaba a súa vida laboral nos distintos lugares de Galicia ou do resto da península, nos reuniamos para conversar e compartir inquedanzas. Un grupo de mozas e mozos que asumía o papel de facer país, de facer desta Galicia unha “patria liberada”, como dicía o poeta; de loitar pola nosa lingua, falando e escribindo en galego, a pesar dos moitos ataques e descualificacións que sufría. Editábanse revistas como A voz de Orcellón ou saían ao prelo libros como o Cantigueiro de Orcellón de E. A. Reque Varela e O Espertar tamén é noso de X. Vázquez Pintor (“AVANTAR, no Carballiño, co pulo e coa forza do seu paso”, sinalaba o autor neste último).

Ribadavia ano 1977 Actuación dos Monicreques de Avantar

Hoxe Avantar segue a existir, fundamentalmente grazas á eterna inquedanza do compañeiro Eduardo (a día de hoxe, presidente da agrupación) por manter viva a asociación e, despois, grazas a un pequeno grupo de compañeiras e compañeiros que traballan día a día na organización de actividades: o Orcellón Fala e Canta, o roteiro de Manuel María, o  ano Manuel María no que se conqueriu, por iniciativa de Avantar e coa colaboración do Cineclube e Andasoa, que o Auditorio Municipal leve o nome de Manuel María,  a presentación de libros, o Tasca e Literatura, as pandereiteiras Nébeda, o Día de Rosalía, a homenaxe a Suso Vaamonde ou as foliadas, entre moitas outras.

AVANTAR ACTIVIDADES

Mais agora demos un novo paso e pensamos que a agrupación necesita da figura da socia e do socio que existiu no seu día. Lanzamos desde xa unha campaña de captación de xente que queira asociarse, da antiga e da nova. Necesitamos da vosa axuda económica e presencial para seguir loitando pola cultura e polo noso país. Se o dispor dun pequeno orzamento económico que nos permita traballar é importante, máis importante aínda é a vosa presenza e colaboración na organización de actividades.

Facemos pois este chamamento a toda canta xente queira traballar e colaborar nesta nova andaina pola cultura do noso país. Asociádevos desde xa. Agardamos a vosa presenza e a vosa colaboración coa esperanza de cada día sermos máis. Acordamos establecer unha cota anual de 20 euros por socia/o. Se realizades a transferencia bancaria no número de conta ES64 3070 0039 05 6309330220 (Caixa Rural Galega), é importante indicardes nome e apelidos e, no concepto, “Afiliación Avantar”.

DESCARGAR A FICHA DE RECOLLIDA DE DATOS:

Para contactar con nós tedes o seguinte enderezo  ac.avantar@gmail.com  ou o teléfono  móbil 667363267. Seria interesante que cubrades a ficha de recollida de datos que axúntamos e nola reenviedes ao e-mail de Avantar para termos un arquivo de socias/os na agrupación.

Grazas e unha fonda aperta da equipa directiva da Agrupación Cultural Avantar

Presidente: Eduardo Bernárdez. Vicepresidente: Xulio Álvarez Secretaría : Nani Blanco González. Vogais: Darío Rodríguez Andrés Fernández e Remedios Forneiro .