Marina Ortega do Grupo Socialista reclámalle ao Sergas que garanta o servizo de logopedia en toda a provincia de Ourense “en condicións de igualdade”

Marina Ortega reivindica “mecanismos claros de acceso á logopedia áxiles” para todo o territorio

A parlamentaria socialista Marina Ortega vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Consellería de Sanidade que garanta o servizo de Logopedia en toda a provincia de Ourense “en condicións de igualdade”. Ortega reclama a lo menos 6 logopedas adicionais para os tres hospitais de Ourense, que garantan unha atención “áxil dos pacientes que precisan o servizo, independentemente de onde residan”.

AVANTAR ACTIVIDADES

A parlamentaria ourensá reivindica “mecanismos claros de acceso á logopedia en condicións de igualdade para todo o territorio”. Ortega reclama o reforzo do servizo, que ata o mes de outubro de 2021 non existía en Ourense, cando daquela se incorporou a primeira logopeda á Eoxi de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

A profesional está asignada ao equipo de Atención Temperá, xunto a un fisioterapeuta, un terapeuta ocupacional e un psicomotricista na quenda de mañá, e aínda que atende aos pacientes en consulta ambulatoria, en ocasións visita aos menores ingresados en planta e prematuros en UCI. Na actualidade non existe atención a adultos no CHOU, así como tamén carecen do servizo para neurolóxicos, oncolóxicos, pacientes de Otorrinolaringoloxía ou rehabilitación.

Ortega explica que neste momento parte do servizo de logopedia préstase nesta provincia mediante concertación, con 5 logopedas que traballan na capital da provincia atendendo a menores e adultos cunha lista de espera de 3 meses. Unha das logopedas do centro atende a pacientes no Barco de Valdeorras por quendas, polo que a maioría dos pacientes que viven máis afastados optan por acudir á consulta privada ou non reciben ningún tipo de intervención.

A parlamentaria socialista sinala que na provincia sería necesaria a creación de 5 ou 6 novas prazas para logopedas, coa capacidade de atender a todo o territorio, achegando o servizo aos pacientes, independentemente de onde residan.

Marina Ortega lembra que a función realizada a través da logopedia é “fundamental e clave no prognóstico e rehabilitación de moitas enfermidades, e é unha especialidade que atende a pacientes neurolóxicos, oncolóxicos ou de otorrinolaringoloxía, ou nenos con trastornos do desenvolvemento, entre outros”.

Lembra que, tal e como apunta a Asociación de Logopedas, “o traballo realizado por estes profesionais na avaliación e intervención sobre os trastornos da comunicación e deglutición é clave para a mellora da calidade de vida de pacientes de tódalas idades”