O PP denuncia a perda de conectividade para máis de 19.000 ourensáns polo novo mapa de concesión de liñas de autobús do Goberno

·      Luz Doporto, portavoz popular en Allariz -a poboación máis afectada de toda a comunidade-, critica unha decisión “que vai claramente en contra das políticas de reto demográfico, primando os entornos urbanos fronte ás áreas rurais e condenando a estas zonas a unha perda radical de servizos”

·      Cuestiona os plans de Sánchez, “que con medidas deste calado só afonda na marxinación do rural, pon trabas a un servizo esencial para a calidade de vida da poboación, a dinamización e a vertebración do territorio”

AVANTAR ACTIVIDADES

·      Doporto e representantes locais do PP noutras cinco localidades asistiron en Santiago a unha reunión coa secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado

O novo mapa concesional de liñas de autobús de competencia estatal, presentado esta semana polo Ministerio de Transportes, deixará sen conectividade a máis de 19.000 ourensáns de seis concellos: Allariz, A Mezquita, Ribadavia, Riós, A Rúa e Trasmiras. “Un decisión que vai claramente en contra das políticas de reto demográfico, primando os entornos urbanos fronte ás áreas rurais e condenando a estas zonas a unha perda radical de servizos”, denuncia a portavoz dos populares en Allariz, Luz Doporto.

Allariz é o municipio ourensán e galego máis afectado de entre as 23 poboacións de Galicia incluídas no plan do Goberno central, pois elimina unha parada que no ano 2019 rexistrou a maior demanda de viaxeiros: 3.133, moi por riba da seguinte localidade con máis usuarios: Guitiriz, con pouco máis de 1.000 persoas.

Luz Doporto foi unha das seis representantes municipais que se reuníron en Santiago de Compostela coa secretaria xeral do PPdeG, Paula Padro, para abordar esta situación. Un encontro no que tamén participaron o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, a tenente de alcalde de Lalín, Paz Asorey, e os portavoces do PP en Arzúa, Melide e Silleda, Rafael Rivadulla, Dalia Couso e Ignacio Maril.

UN ATRANCO QUE ENGADIR Á LEI DE MOBILIDADE

Trala reunión, a portavoz popular no Concello de Allariz cuestionou os plans do Goberno de Sánchez, “que con medidas deste calado só afonda na marxinación do rural e pon trabas a un servizo tan esencial para a calidade de vida da poboación a a dinamización do territorio como é o transporte”. Os presentes no encontro afearon que “canto máis precisamos a vertebración territorial, Sánchez opta por desconectar á provincia de Ourense e a Galicia”.

O novo mapa concesional súmase, ademais, á Lei de Mobilidade que impulsa o Executivo central e que supón suprimir os trens rexionais galegos, evidenciando que o Goberno prima a planificación urbana e metropolitana e a rendibilidade económica da mobilidade, condenando así ao rural a unha perda radical de servizos e de conectividade en transporte público.

Ante esta situación, os populares galegos instan ao Goberno central e ao PSdeG a reverter o agravio que supón para a Galicia rural o novo mapa concesional, un “despropósito” que deixa a máis de 136.000 galegos sen parada de autobús. Nesta liña, o partido presentará unha Proposición non de Lei no Parlamento e mocións nos diferentes concellos.