O PP pide a rectificación do novo mapa de liñas de autobús que recorta liñas en Ribadavia

O grupo municipal do Partido Popular de Ribadavia ven de presentar unha moción para o seu debate no vindeiro Pleno municipal do mes de xuño para demandar ao Goberno de España que rectifique os criterios empregados no deseño do Novo Mapa Concesional das liñas de transporte por estrada da súa competencia e teña en contas as peculiaridades que ten Galicia no que respecta á dispersión territorial e poboacional, promovendo a prestación de servizos de transporte interautonómicos de calidade, que garantan, cando menos, as paradas e os tráficos actuais, ademais das conexións directas existentes ata o de agora, nomeadamente no concello de Ribadavia, que é un dos 23 que, segundo a proposta do Goberno de España quedará sen parada e sen servizo.

Os populares consideran que esta medida do goberno de Pedro Sánchez supón un ataque ao noso concello, xunto con outros 22 concellos de Galicia, xa que se pon trabas a un servizo tan esencial para a calidade de vida da poboación e a dinamización do territorio como é o transporte.

AVANTAR ACTIVIDADES

Para os populares de Ribadavia, ao novo mapa concesional súmase, ademais, á Lei de Mobilidade que impulsa o Executivo central e que supón suprimir os trens rexionais galegos, evidenciando que o Goberno prima a planificación urbana e metropolitana e a rendibilidade económica da mobilidade, condenando así a concellos coma Ribadavia a unha perda radical de servizos e de conectividade en transporte público.

Por todo isto, o grupo municipal do Partido popular de Ribadavia pedirá ao Pleno do concello que se lle demande ao goberno de España a súa rectificación desta medida que supón un grave recorte dos servizos que se lle prestan á veciñanza de Ribadavia.