Carmen Rodríguez Dacosta preguntará por escrito e por oral no Parlamento de Galicia acerca das “actuacións realizadas pola Xunta dende marzo de 2021 en relación aos títulos de propiedade”
O voceiro do PSdeG-PSOE en Cartelle, Jesús Pereira, critica que as políticas do PP no rural “non dan ningunha solución ao abandono sistemático do territorio e non se loita contra o despoboamento”
O PSdeG-PSOE de Ourense volve a levar ao Parlamento de Galicia a situación da actual concentración parcelaria no Concello de Cartelle, xa que tal e como denuncian “28 anos despois de iniciarse a concentración, máis de 1200 persoas propietarias continúan sen recibir os seus títulos de propiedade”. Unha situación que segundo critican os e as socialistas “chegou a un punto límite”, xa que está causando un “grave” prexuízo aos titulares das mesmas, ante a completa “inacción” do Partido Popular.
A deputada socialista por Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta, preguntará por escrito e tamén por oral na comisión 7ª de Agricultura, Alimentación Gandaría e Montes “que actuacións realizou a Xunta de Galicia dende marzo de 2021 a actualidade en relación cos títulos de propiedade referentes a concentración parcelaria de Cartelle?” e “que medidas urxentes vai tomar a Consellería de Medio Rural para que os propietarios e propietarias dispoñan dos títulos que certifiquen a súa propiedade”. A primeira das preguntas tamén a reiterará durante a sesión plenaria de forma oral, xa que segundo apunta “agardamos solucións para a veciñanza de Cartelle, que leva case tres décadas reclamando uns títulos que lle pertencen”.
Os e as socialistas lembran que xa en marzo de 2021, o grupo parlamentario socialista presentou unha moción neste senso, cuxa proposta de resolución foi aprobada por todos os grupos políticos presentes no arco parlamentario, pero tal e como apuntan “un ano despois a situación segue a ser a mesma”. O PSdeG-PSOE de Cartelle tamén denuncia que “hai máis dun ano que lle esiximos aos representantes municipais do Partido Popular que remataran co desleixo e abandono que viven os veciños e veciñas afectadas pola concentración parcelaria, pero non moveron nin un só dedo”.
A parlamentaria autonómica do PSdeG-PSOE de Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta, destaca que “estamos a falar dunha problemática que se ven arrastrando durante as últimas dúas décadas”, motivo polo que esixe unha solución “inmediata” á Concellería de Medio Rural. Neste senso, a deputada socialista tamén afirma que “estase a provocar graves problemas aos propietarios e propietarias, ao non dispor de ningunha escritura que certifique a titularidade dos terreos”. Unha situación que tal e como relata “obriga aos veciños e ás veciñas a desprazarse ata oficinas agrarias en busca dunha certificación, cada vez que precisan solucionar algún problema relativo coas súas parcelas”.
O voceiro do PSdeG-PSOE en Cartelle, Jesús Pereiras Vázquez, urxe as institucións que “se poñan a traballar canto antes para dar solución a un problema que ven arrastrado de varias décadas” e critica a postura de Medio Rural, xa que tal e como apunta “escúsanse e desvían o tema dicindo que os papeis se atopan nunha notaría, en lugar de buscar solucións e asumir a súa responsabilidade”. O edil socialista critica que as políticas do PP no rural “non dan ningún tipo solución ao abandono sistemático do territorio e non serven para loitar contra o despoboamento, e no caso de Cartelle e desta parcelaria, demostra que non hai ningún tipo de interese en que non se abandonen as terras e se convertan en terreos produtivos aos que sacarlle partido”.
A concentración parcelaria, referida á parroquia de Cartelle, iniciouse concretamente en 1993 e finalizou entre 2006 e 2007. No seu momento foron 1.200 os veciños e veciñas que destinaron as súas fincas a esta concentración parcelaria buscando sacar produtividade destas terras, pero o proxecto quedou completamente abandonado pola Xunta de Galicia.