O PsdeG impulsa a creación dunha unidade de ictus no CHUO, que remate dunha vez por todas coa discriminación sanitaria que vive a nosa provincia por parte da Xunta

Os socialistas tamén impulsan a declaración da cidade de Ourense como concello libre de LGTBIfobia e que se recuperen as actividades de conmemoración do Día do Orgullo LGTBI para este 2022

A moción na que o PSOE ourensán solicitaba a concesión da medalla de ouro da cidade ao Liceo pola súa traxectoria “histórica” a prol da cultura e a sociedade ourensá foi tamén aprobada unanimemente

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Ourense acadou no día de hoxe o apoio unánime da corporación municipal para a aprobación das tres mocións presentadas na sesión plenaria deste mes de xuño. Desta forma, os socialistas impulsan a concesión da medalla de ouro da cidade ao Liceo; declarar Ourense como cidade libre de LGTBIfobia; e que o CHUO pase a contar de maneira urxente cunha unidade de ictus como acontece noutras provincias galegas.

A moción do PSOE ourensán na que pedía apoios para instar á Xunta de Galicia e ao Sergas a crear, con “urxencia”, unha unidade de ictus no Complexo Hospitalario de Ourense (CHUO) e a mellorar o transporte sanitario urxente dos pacientes sitos na xeografía de Ourense e con sospeita de ictus ao CHUO, para que accedan á futura unidade de ictus en menos dunha hora dende calquera punto da provincia, contou co respaldo de toda a corporación municipal.

O voceiro do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, destacou que “é de xustiza que Ourense conte cunha unidade de atención ao ictus”, xa que tal e como apuntan “Pontevedra conta cunha unidade, A Coruña con dúas e en Lugo teñen unha unidade de atención permanente, cun neurólogo especializado que atende as 24 horas ao día, os 365 días do ano”. O líder dos socialistas ourensáns afirmou que a provincia precisa dunha unidade “polo noso tipo de poboación, principalmente envellecida, e tamén pola dispersión xeográfica” e subliñou que “Lugo loitou durante moito tempo por esta unidade e finalmente conseguiuna, polo que creemos que Ourense non pode ser menos”.

Villarino lembrou que lembrou tamén que os especialistas “piden esta unidade constantemente, pero nin a Xunta, nin o SERGAS se decidiron a levar a cabo unha medida de vital importancia para Ourense e as súas xentes”. O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense tamén puxo o foco en que as enfermidades cerebro vasculares, e nomeadamente o ictus, “son as principais causas de mortalidade”.

O voceiro municipal socialista fixo fincapé en que unha provincia como a de Ourense que “é unha das máis envellecidas de España e Europa, fai que aumente o risco e a gravidade, xa que o ictus non só xera mortalidade, senón tamén morbilidade”.

Unanimidade na loita contra a LGTBIfobia

O PSdeG-PSOE de Ourense conseguiu o apoio unánime da corporación municipal para instar ao goberno local a que se declare a cidade como concello libre de LGTBIfobia e para recuperar a programación de actividades de conmemoración do Día do Orgullo LGTBI 2022. Os e as socialistas tamén pedían na moción á creación dos servizos municipais de información, atención e asesoramento LGTBI; a elaboración e posta en marcha de maneira “urxente” dun plan municipal de prevención do acoso homofóbico, biofóbico e transfóbico; promover, habilitar e promocionar novos espazos libres de LGTBIfobia; ou a colocación dunha praca conmemorativa na Praza de San Marcial ou noutro punto consensuado da cidade para visibilizar e poñer en valor a todas as persoas do colectivo LGTBI.

A vicevoceira do PSdeG-PSOE de Ourense, Natalia González Beneitez, aproveitou a súa primeira intervención para subliñar que “xa é hora de que Ourense sexa declarada como unha cidade libre de LGTBIfobia e na que se condenen as agresións, discriminacións e vexacións que se producen polo mero feito de ser quen somos e amar a quen queremos”. A edil socialista aproveitou tamén para afearlle ao bigoberno do PP e Jácome a “involución vivida nos últimos 7 anos con gobernos que optaron por ignorar ao colectivo, desleixalo e chegar o punto de pretender borrar o programa de actividades do Día do Orgullo”.

González Beneitez tamén puxo o foco en que “estamos ante un momento transcendental para a cidade, no que debemos apostar aínda máis polas políticas de igualdade e dotar de maior contido o programa de actividades de conmemoración do mes do Orgullo ou de calquera campaña relacionada coa visibilización e apoio ao colectivo LGTBI durante o ano”. A secretaria municipal dos socialistas na cidade de Ourense pediulle tamén ao goberno municipal que “sitúe Ourense no mapa, para que a cidade deixe de ser unha cidade en branco e negro e sexamos unha cidade de cores, na que todos e todas sexamos iguais e ondeemos a bandeira da liberdade e a igualdade dunha vez por todas”.

A concelleira socialista tamén quixo destacar o “desleixo” do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, ao colectivo LGTBI, xa que o rexedor ausentouse do pleno durante o debate da moción. Unha situación que en palabras de Natalia González “demostra o nulo interese do alcalde por este colectivo, pola cidade e polos ourensáns e as ourensás”.

O PSdeG-PSOE impulsa a concesión da medalla de ouro da cidade ao Liceo

A sesión plenaria serviulle ao PSdeG-PSOE de Ourense para impulsar unha moción na que instaban a corporación municipal a conceder a Medalla de Ouro da Cidade ao Liceo de Ourense, en recoñecemento pola súa traxectoria “histórica” a prol da cultura e a sociedade. Unha moción que foi aprobada por unanimidade e na que todos os grupos políticos coincidiron na importancia da moción.

O concelleiro socialista, Xosé Rúas Araújo, destacou do Liceo a súa “importancia cultural na cidade”, logo de 172 anos de historia na que desenvolveu unha “vital tarefa” neste ámbito, e tal e como apuntou o edil do PSdeG-PSOE, “acolle a distintas asociacións que non teñen un lugar axeitado para desenvolver a súa actividade e celebra unha media anual de 350 actos culturais ou conmemorativos da sociedade provincial”. Tamén afirmou que polas instalacións do Liceo de Ourense pasan anualmente “máis de 50.000 persoas, o que demostra a relevancia desta entidade na sociedade ourensá”.

Rúas Araújo aproveitou para destacar que “atopámonos cunha sociedade senlleira, que move a cultura e numerosas presentacións e con 172 anos de antigüidade”. O edil socialista afirmou que “creemos que por toda esta historia e labor, o Liceo de Ourense merece a concesión da Medalla de Ouro da Cidade de Ourense”. Tamén quixo facer fincapé nos importantes artistas que por aló pasaron, pondo como exemplos “as importantes coleccións expostas de Piñeiro, Jesús Soria, Virxilio, Arturo Baltar, Huete, Xaime Quesada, Acisclo Manzano, Buciños, Prego de Oliver, Xabier Pousa ou Parada Justel; presentacións de famosos intelectuais coma Vicente Risco, Pardo Bazás, Curros Enríquez, Suso de Toro ou Manuel Rivas; e concertos como os dos mestres Albéniz ou Rodrigo”.

O edil do PSdeG-PSOE de Ourense agradeceu o apoio unánime da corporación e rematou afirmando que “estamos ante un dos templos da cultura da cidade de Ourense, polo que creemos que merece un recoñecemento especial por todos estes anos de historia e de traballo a prol da cidade de Ourense”.