O BNG insiste na necesidade, ante o próximo remate da reforma, de concretar canto antes a distribución interior e o traslado á Praza de Abastos nº 1

Desde a formación nacionalista destacar a posta en valor do edificio mais advirten da necesidade urxente dun Plan funcional que permita organizar os espazos interiores e o traslado das praceiras e praceiros

Esta mañá e tal e como se acordou no pleno do pasado venres, os Grupos do BNG e do PSdeG-PSOE puideron visitar as obras de reforma da Praza de Abastos nº1, algo que ambas formacións políticas viñan reclamando desde hai meses sen que até o momento recibisen resposta por parte do Goberno PP-DO.

AVANTAR ACTIVIDADES

Da visita realizada, o concelleiro Luis Seara afirma que “a reforma realizada devólvelle á cidade un edificio histórico e dunha gran beleza, os traballos realizados permiten disfrutar da súa monumentalidade”.

Pero para Luis Seara e máis alá de pequenas deficiencias técnicas que cómpre corrixir, o acuciante nestes momentos é dispór dun Plan funcional “que permita determinar a distribución interior dos espazos, que usos se lle vai dar a cada planta, como se organizarán os postos de venda así como outros servizos que se poidan implementar”.

Para o BNG é fundamental traballar nas vindeiras semanas no citado Plan funcional para que “unha vez estea claro como distribuir os interiores, se poida planificar o traslado das praceiras e praceiros ubicados actualmente na Alameda”.

Esta é, precisamente a principal preocupación de praceiras e praceiros e por iso desde o BNG insisten na necesidade, tal e como afirma Luis Seara, de “traballar conxuntamente, concello e praceiros, na organización do traslado e nos usos do edificio”, ao que engade, “xa temos a mala experiencia do que aconteceu coa Praza de Abastos da Ponte, aínda pechada a día de hoxe por non facer as cousas ben, non cometamos o mesmo erro”.

Por último, desde a formación nacionalista tamén láianse de que a día de hoxe non se estea traballando na accesibilidade e humanización de toda a contorna do edificio, incluída a zona do rianxo xa que entenden, “sería preciso traballar en paralelo nesta cuestión para poder ter toda a zona renovada no momento da entrada en funcionamento da Praza”.