O PsdeG de Beade impulsa limpeza da fonte nova

O PsdeG de Beade impulsa limpeza da fonte nova, despois de meses loitando para que o partido popular rematase co “deplorable” estado que presataba.

Os e as socialistas congratúlanse de que o alcalde Senén Pousa “por fin escoite as reclamacións do PSOE e da veciñanza”, pero critican a “demora constante a hora de buscar solución aos problemas cotiás”

AVANTAR ACTIVIDADES

A concelleira do PSdeG-PSOE, Carmen Rama, sinala que “parece que no noso municipio teñen que pasar meses e meses ata que o PP se decide a buscar solucións aos problemas de abandono que sufrimos”

Ourense, 7 de xuño de 2022. O PSdeG-PSOE de Beade congratúlase de que case un mes despois de ter presentado por rexistro un escrito no que solicitaban que se procedese a limpeza da Fonte Nova, o rexedor levase a cabo esta actuación. Os e as socialistas denunciaban o “deplorable” e “lamentable” estado no que se atopaba a fonte, sita na estada que une o municipio con Beariz e celebran que o alcalde, Senén Pousa, “escoitase por fin as reclamacións tanto do PSOE como da veciñanza de Beade”.

Dende o Grupo Municipal Socialista critica, iso si, a “demora” en buscar solucións a unha fonte que se atopaba totalmente “abandonada” deixando unha imaxe de “desleixo” entre a veciñanza e os visitantes. Un arranxo, froito da insistencia do PSdeG-PSOE do municipio, pero que segundo apuntan “chega tarde”, xa que tal e como afirman “levamos meses reclamando o arranxo da fonte e o alcalde non moveu un só dedo ata o día de onte, cando se procedeu a limpeza da mesma”.

Os e as socialistas esíxenlle a Senén Pousa e ao grupo de goberno municipal do Partido Popular que “miren por Beade e escoiten as reclamacións da veciñanza, cada vez máis farta da nefasta xestión dos populares”. Destacan que a limpeza “rematou co estado noxento da auga”, pero reiteran que “aínda quedan por solucionar os problemas arquitectónicos da fonte”, xa que tal e como sinalan “ten filtracións que provocan que durante os meses de inverno, a auga se acumule sobre a beirarrúa, o que supón un perigo coas xeadas, xa que converte a zona nunha pista deslizante, que pode dar lugar a caídas”.

Para a concelleira do PSdeG-PSOE de Beade, Carmen Rama Cotelo, a limpeza da Fonte Nova “é unha boa noticia para o noso municipio”, pero critica a “deixadez” do alcalde, xa que tal e como relata “parece que no noso concello teñen que pasar meses e meses ata que o PP se decide a solucionar os problemas cotiás”. Neste senso, tamén destaca que “as solucións estámolas a pór os socialistas dende a oposición”, o que en palabras da edil socialista “amosa que ao PP non lle interesan os problemas dos veciños e veciñas, e só miran por eles cando a situación se fai insostible e cando o PSOE protesta e rexistra escritos para solucionar estes problemas”.

Rama Cotelo tamén apunta a que “Beade non pode seguir nin un minuto máis illado na parálise continua fomentada por Senén Pousa e os seus palmeiros” e esíxelle ao Partido Popular que “se poñan a traballar dunha vez por todas por defender os intereses dos veciños e veciñas de Beade”. Neste senso tamén lembra que foi “gracias ao traballo dos socialistas de Beade e as continuas reclamacións que o alcalde colocou no seu momento carteis indicando que a auga de varias fontes non era potable, e todo despois de que varios veciños e veciñas sufriran casos de gastroenterite, o que demostra que o rexedor non move un só dedo ata que se produce unha desgraza”.