A décima edición da Chandrexa Trail reunirá a máis de 250 participantes o domingo 19 de xuño

Rosend Fernández (VicePresidente da Deputación Ourense), participa na presentación do Trail Chandrexa de Queixa, acompañado de Diego Martínez (Director carreira e Presidente de Runing Sport Trail), Gerardo Caneiro Pérez (Responsable de seguridade da proba), Francisco Martinez (Concelleiro de Deportes de Chandrexa) e Marco Vázquez (Xerente Cafés Las Antillas).

A proba está organizada por Running Sport Trail e a Deputación de Ourense, e colabora por cuarto ano consecutivo coa Asociación de Fibrosis Quística de Galicia

O trail terá catro percorridos, entre os 42 quilómetros e os 7,5, ademais dunha andaina de 18 quilómetros

AVANTAR ACTIVIDADES

A Chandrexa Trail será válida para á clasificación da Liga Provincial de Trail Ourense, e por tanto, os puntos obtidos serán computables no sistema ITRA

O vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández, participou esta mañá na presentación da Chandrexa Trail, que este ano cumpre dez anos dende a súa primeira edición e que volve ó calendario deportivo da provincia tras dous anos de ausencia obrigada pola crise sanitaria. Fernández estivo acompañado no acto de presentación polo director da carreira e presidente da Running Sport Trail, Diego Martínez; o responsable de seguridade da proba, Gerardo Caneiro; o concelleiro de Cultura e Deportes de Chandrexa de Queixa, Francisco Martínez e o xerente de Cafés Las Antillas Campos, Marco Vázquez.

A proba deportiva, organizada pola Running Sport Trail e a Deputación de Ourense, que por cuarto ano consecutivo colabora coa Asociación de Fibrosis Quística de Galicia, terá lugar o vindeiro domingo 19 de xuño no concello de Chandrexa de Queixa, e nela se darán cita máis de 250 participantes, con procedencia de toda Galicia, diferentes puntos de España e coa presenza dun corredor chileno. 

A proba consistirá en catro percorridos, a escoller polos participantes, entre os 42 quilómetros na súa modalidade máis desafiante -cun desnivel de 2.850 metros-, un circuíto de 28 quilómetros -desnivel de 1.510 metros-, de 18 quilómetros -960 metros- e de 7,5 quilómetros -480 metros de desnivel-. Todos os percorridos parten dende a casa consistorial da localidade con excepción do percorrido máis pequeno, que partirá dende a saída do embalse. Ademais, celebrarase unha andaina de 18 quilómetros.

É de destacar que con ocasión do décimo aniversario da proba, o percorrido principal, que é o que percorre habitualmente 35 quilómetros, foi ampliado ata alcanzar a distancia de 42 quilómetros, converténdose así nun maratón.

Durante o percorrido os participantes terán a súa disposición distintos puntos de avituallamento , nos cales poderán retomar forzas para continuar a carreira, que contará tamén con corredores escoba, que eliminarán os corredores que non cheguen os distintos cortes horarios propostos pola organización.

A proba será válida para á clasificación da Liga Provincial de Trail Ourense, e por tanto, os puntos obtidos serán computables no sistema ITRA. Tamén é destacable que esta competición servirá como clasificatorio para o desafío de UTMB Mont-Blanc, que terá lugar no mes de agosto e que reunirá ós mellores corredores do mundo.