Gabriel Alén destaca a importancia da colaboración entre a administración autonómica e local para coñecer as demandas da veciñanza

  • O delegado territorial explicou que este parque construíuse grazas a unha axuda da Orde de Infraestruturas de uso público da Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes que ascendeu a preto de 34.000 euros
  • Gabriel Alén subliñou que o nome do mesmo é unha homenaxe ás dúas escritoras galegas que protagonizaron un dos primeiros matrimonios entre persoas do mesmo sexo en España, un 8 de xuño de 1901

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá ao concello de Xunqueira de Espadañedo para participar, xunto co alcalde, Carlos Gómez, no acto de inauguración no parque infantil Elisa e Marcela, en homenaxe ás dúas escritoras galegas que protagonizaron un dos primeiros matrimonios entre persoas do mesmo sexo en España, un 8 de xuño de 1901, e construído grazas a unha axuda da Orde de Infraestruturas de uso público da Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes que ascendeu a preto de 34.000 euros.

O delegado territorial explicou que o concello solicitou a creación na creación deste parque infantil debido ao déficit deste tipo de infraestruturas no medio rural, dando solución a unha necesidade moi demandada pola poboación moza. O parque está dotado do equipamento necesario de xogos infantís, coa instalación de diversos xogos adaptados á pendente do entorno e a colocación un pavimento elástico de caucho reciclado para garantir o seu uso nunhas condicións de seguridade axeitadas. Ademais, mediante esta actuación, ponse en valor un espazo arborado existente, de singular valor natural e paisaxístico, que presenta unhas características idóneas para este novo equipamento.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén sinalou que a Xunta financiou estes traballos no marco da Orde de infraestruturas de uso público, coa que apoia as iniciativas dos concellos galegos para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. O Concello de Xunqueira de Espadañedo recibiu nos últimos anos máis de 411.000 euros das diferentes liñas de axudas da Vicepresidencia segunda.

O delegado territorial destacou a importancia da colaboración entre a Administración autonómica e a local, que é a mellor coñecedora das necesidades e demandas da veciñanza, xa que grazas a estas axudas, os concellos galegos levan a cabo actuacións que repercuten en melloras directas para o día a día dos cidadáns e que non se poderían levar a cabo en moitas ocasións se non fose pola colaboración entre Xunta e concellos.