O Partido Popular de Ribadavia denuncia o abandono absoluto do medio rural por parte do goberno municipal

Os populares sinalan que a veciñanza de Ribadavia está moi molesta co estado no que se atopan moitos camiños e espazos públicos nos que a maleza medra de xeito descontrolado.

O grupo municipal do Partido Popular de Ribadavia denuncia o abandono absoluto do medio rural por parte do goberno municipal. Os populares pregúntanse que sentido ten que exista unha concellería do Medio Rural na estrutura do goberno cando o abandono do rural é absoluto e manifesto. Basta con darse unha volta por calquera das localidades do rural do Concello de Ribadavia para comprobar como a maleza medra descontrolada e moitas pistas de acceso a parcelas agrícolas están practicamente intransitables.

AVANTAR ACTIVIDADES

A situación é lamentable, o que provoca que a veciñanza de Ribadavia esté cada día mais molesta co estado no que se atopan moitos camiños e espazos públicos nos que a maleza medra de xeito descontrolado. Para os populares está situación ven provocada pola absoluta falta de coordinación existente no goberno municipal onde os dous grupos que o conforman están mais preocupados de facerse a guerra interna un ao outro que de traballar para resolver os problemas da veciñanza.

A veciñanza de Ribadavia observa atónita como o goberno municipal pon aos operarios do concello a facer traballos en fincas e inmobles privados, coa intención de vender favores políticos, mentres as vías públicas de titularidade municipal están invadidas de maleza ata o punto de que algunhas se atopan practicamente intransitables.

Os populares sinalaron que esixirán que se actúe de inmediato na mellora dos espazos públicos e as infraestruturas de titularidade municipal das localidades do rural. Non pode ser que os sete concelleiros que que conforman o goberno estén mais preocupados das liortas entre eles que de arranxar os problemas da veciñanza de Ribadavia.