As actuacións levadas a cabo para reducir o nivel de arsénico no sistema de abastecemento de Castrelo de Miño permitiron normalizar o subministro ao contar coas garantías sanitarias para o consumo

Grazas ao establecemento dos novos sistemas de depuración, minimizáronse os niveis de arsénico detectados na auga de abastecemento, polo que dende hai dous días, tras os informes dos técnicos da Consellería de Sanidade, normalizouse o subministro

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade achegou 400.000€ para financiar as obras para abastecer a poboación con garantías sanitarias e redactar o proxecto da solución definitiva para este problema

AVANTAR ACTIVIDADES

Na potabilizadora de Coto Novelle mellorouse a dosificación de reactivos, substituíuse a área do filtro por outra de alta capacidade e instaláronse analizadores de cloro e turbidez en continuo

No depósito de Traveso executouse un filtro para a eliminación de arsénico, con analizadores de cloro e turbidez en tempo real

As actuacións levadas a cabo para reducir o nivel de arsénico no sistema de abastecemento municipal de Castrelo de Miño permitiron normalizar o subministro de auga á poboación, ao contar coas garantías sanitarias para o seu consumo.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado do alcalde, Avelino Pazos, supervisou esta mañá o remate das actuacións desenvolvidas no sistema de abastecemento municipal de auga para reducir o nivel de arsénico.

Esta intervención é froito do convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, que fixo unha achega de 400.000 euros, e o Concello, foi o encargado da execución das obras.

O delegado territorial informou que grazas ao establecemento de novos sistemas de depuración, minimizáronse os niveis de arsénico detectados na auga que abastece a poboación, polo que dende hai dous días, tras os informes dos técnicos da Consellería de Sanidade, normalizouse o subministro, xa que a auga conta agora coas garantías sanitarias para o seu consumo.

Gabriel Alén tamén explicou que a Xunta financiou a asistencia técnica ao Concello para definir as actuacións de emerxencia necesarias para a eliminación do arsénico con carácter urxente, as obras para abastecer con garantía sanitaria a poboación, ademais da redacción do proxecto da solución definitiva a este problema.

En decembro do pasado ano, o Concello realizou unha declaración de emerxencia para afrontar a situación tras detectarse elevados valores de arsénico no sistema de abastecemento de auga. Para acadar valores aptos para garantir a calidade da auga do abastecemento cumpría desenvolver unha serie de actuacións para as que a entidade local contou co apoio técnico e financeiro da Xunta.

No marco do convenio asinado entre ambas as administracións, autonómica e local, proxectáronse en primeiro lugar, actuacións de emerxencia para abastecer con garantía sanitaria ata a execución dunha solución definitiva, asumindo a Xunta o custo, tanto da asistencia técnica para a súa definición, como da súa execución.

Para atallar de forma inmediata esta problemática, na potabilizadora de Coto Novelle, mellorouse a dosificación de reactivos e levouse a cabo a substitución da area do filtro pechado actual por outra de alta capacidade, mediante un sistema automatizado. Ademais instaláronse analizadores de cloro e de turbidez en continuo.

Tamén no depósito de Traveso executouse un filtro para a eliminación de arsénico, con analizadores de cloro e turbidez en tempo real.

Xunto con isto, o convenio recolle a redacción do proxecto da solución que permita acabar de forma definitiva co problema da presenza de altos niveis de arsénico na auga do abastecemento. Ese proxecto elaborarase tomando como base o resultado do estudo de alternativas xa desenvolvido por Augas de Galicia.

Esta nova colaboración da Xunta con Castrelo de Miño súmase a outra actuación paralela de execución de melloras na rede de abastecemento en varios núcleos do municipio por un importe de 40.000 €, obras que xa foron finalizadas e entregadas ao Concello no pasado mes de marzo.