Castrelo de Miño acolle este sábado a primeira edición da Copa de España Inclusiva de Motonáutica

Presentación da "Copa de España" inclusiva de motonáutica a celebrar os días 10 e 11 de xuño de 2022 en Castrelo de Miño (Ourense). Asisiten a presentación César Fernández Gil (VicePresidente 2º da Deputación Ourense), Manuel Pérez González (Xefe Territorial de deportes da Xunta de Galicia), Avelino Pazos Pérez (Alcalde de Castrelo de Miño), Marcos Casareiro Pousadela e Carlos Alberto Estévez Gómez, Secretario e Vocal da Federación Galega de Motonáutica, respectivamente.

Na presentación da proba, o vicepresidente da Deputación, César Fernández, destacou “a aposta permanente do goberno provincial polos deportes náuticos”, desta volta nun encoro “que ademais de ter a fortuna de ser un importante espazo natural tamén é o escenario idóneo para a práctica destes deportes” 

En nome da organización do evento, o secretario da Real Federación Galega, Marcos Casaleiro, mostrou a súa satisfacción “por unha proba inédita no calendario nacional froito de cinco intensos anos de traballo” 

AVANTAR ACTIVIDADES

Os participantes porán a proba as súas habilidades cun circuíto estilo xincana, probas de fondeo e realización de nós mariñeiros 

O  Parque Náutico de Galicia, en Castrelo de Miño, acolle este sábado a celebración da primeira Copa de España Inclusiva de Motonáutica, competición organizada polas reais federacións galega e española deste deporte, co apoio da Deputación, e que se estrea como unha proba inédita no calendario nacional. A competición foi presentada esta mañá no Pazo Provincial coa presenza do vicepresidente segundo da Deputación e responsable para asuntos de cooperación cos concellos do Ribeiro, César Fernández, que estivo acompañado polo alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos; o xefe de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; e os representantes da Real Federación Galega de Motonáutica, Marcos Casaleiro e Carlos Alberto Estévez. 

César Fernández quixo destacar “a aposta permanente do goberno provincial polos deportes náuticos”, desta volta no encoro de Castrelo de Miño, “que ademais de ter a fortuna de ser un importante espazo natural tamén é o escenario idóneo para a práctica destes deportes”. Avelino Pazos agradeceu pola súa banda o esforzo dos organizadores “polo gran traballo que hai tras esta competición, que volverá a converter ao Parque Náutico de Galicia nun referente nacional”. Manuel Pérez expresou o seu orgullo por “dar un exemplo máis de cooperación entre as tres administracións colaboradoras -Deputación, Xunta e Concello-“, afirmando que eventos como este demostran que Ourense “goza de boa saúde deportiva “. 

Marcos Casaleiro e Carlos Alberto Estévez explicaron os detalles dunha proba que nace como Copa de España “pero que esperamos regrese a Castrelo de Miño o próximo ano como campionato nacional”, dixo Casaleiro mostrando a súa satisfacción “por unha proba inédita no calendario nacional froito de cinco intensos anos de traballo”. 

A competición, sinalou Estévez, consistirá nunha serie de desafíos que porán a proba as habilidades das persoas participantes, como un percorrido estilo xincana, probas de fondeo e realización de nós mariñeiros, con tres mangas seguidas das que só as dúas últimas serán válidas. A Copa dará comezo ás 10.45 horas da mañá e os tres primeiros clasificados de cada categoría recibirán un trofeo acreditativo.