A Deputación estudará novas liñas de colaboración co Concello dos Blancos en infraestruturas, servizos sociais e cultura

Reunión Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) con José Manuel Castro Blanco (Alcalde do Concello dos Blancos).

Manuel Baltar recolleu as propostas presentadas polo alcalde, José Manuel Castro, entre as que se atopan a segunda fase da piscina municipal, a posibilidade de construír unha residencia para maiores ou unha axuda para que a banda de gaitas retome a súa actividade logo da pandemia 

José Manuel Castro agradeceu a receptividade do presidente da Deputación, “que formulamos co tempo necesario para que, de ser aprobadas, poidan ser incluídas nos orzamentos de 2023, seguindo así a liña de anticipación e planificación do goberno provincial” 

AVANTAR ACTIVIDADES

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial ao alcalde dos Blancos, José Manuel Castro, co que estudou a ampliación das liñas de colaboración abertas entre ambas administracións para executar novos proxectos relacionados cos ámbitos das infraestruturas, os servizos sociais e de lecer, e a cultura. 

Manuel Baltar recolleu as propostas presentadas polo alcalde entre as que se atopan a segunda fase da piscina municipal -proxecto que se iniciou grazas tamén á colaboración da Deputación-, que permitiría o seu remate e apertura no verán de 2023. José Manuel Castro tamén formulou como prioridade os asfaltado da pista que comunica Os Blancos co concello de Baltar, así como a posibilidade de contar co apoio da administración provincial no caso de que se concrete o proxecto de construción dunha residencia para maiores. 

O alcalde detallou dúas iniciativas máis, esta vez relacionadas coa cultura. A primeira delas é unha solicitude de axuda para que a banda de gaitas do concello retome a súa actividade logo da pandemia. A creación dun museo etnográfico centra a segunda das peticións, que se traduciría nunha achega para adquirir un inmoble e a súa posterior rehabilitación. 

José Manuel Castro agradeceu a receptividade do presidente da Deputación ás súas propostas, “que formulamos co tempo necesario para que, de ser aprobadas, poidan ser incluídas nos orzamentos de 2023, seguindo así a liña de anticipación e planificación do goberno provincial”.