O delegado territorial da Xunta visita o concello de Parada de Sil para supervisitar as obras de recuperación do miradoiro de Triguás

  • Gabriel Alén lembrou que a Xunta destina nesta edición un millón de euros a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora nas súas infraestruturas turísticas
  • O importe máximo de subvención que se abonará a cada concello beneficiario será do 100%, cunha contía máxima de 30.000 euros
  • Esta orde financia tamén a posta en valor turístico dos recursos dos municipios beneficiarios a través da súa rehabilitación ou restauración para dedicalos a usos turísticos, así como coa recuperación de elementos etnográficos ou da arquitectura tradicional

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén,  desprazouse esta mañá ao concello de Parada de Sil para visitar o comezo das obras de recuperación do miradoiro de Triguás e do seu contorno, nas que Presidencia, a través da Axencia Turismo de Galicia,  vai destinar 30.000 euros na súa rehabilitación ao abeiro das achegas da orde de Infraestruturas Turísticas de 2022.

O delegado territorial destacou que estas actuacións son unha mostra máis da aposta transversal da Xunta de Galicia polo turismo, “xa que actuamos en cuestións estratéxicas e de calado e tamén naquelas máis sinxelas, pero que contribúen ao embelecemento e que son moi valoradas polos visitantes”.  Así, lembrou que na edición anterior desta mesma orde e axudas, o concello de Parada do Sil foi beneficiario con 30.000 euros para construír un novo miradoiro no lugar da Lama, e recuperar un dos miradoiros máis emblemáticos do concello, o de Cabezoá. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén recordou que a Xunta destina 1 millón de euros a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora nas súas infraestruturas turísticas. A orde ten como obxectivo fomentar a recuperación, a accesibilidade e a sinalización dos recursos turísticos destes municipios para consolidar a oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.

Esta orde financia tamén a posta en valor turístico dos recursos dos municipios beneficiarios a través da súa rehabilitación ou restauración para dedicalos a usos turísticos, así como coa recuperación de elementos etnográficos ou da arquitectura tradicional. Ademais, apoia a mellora da accesibilidade a estes recursos coa eliminación de barreiras arquitectónicas e da súa sinalización con elementos integrados de forma respectuosa coa contorna.

O importe máximo de subvención que se abonará a cada concello de ata 10.000 habitantes beneficiario será do 100%, cunha contía máxima de 30.000 euros, no marco do Plan Camiña, orientado á posta en valor da riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística destes municipios con accións de embelecemento, accesos, iluminación ornamental, recuperación e creación de miradoiros, sendeiros e rutas, espazos de estacionamento de vehículos e incluso a mellora de Bens de Interese Cultural (BIC).

Obras previstas

As actuacións que se están a desenvolver intégranse o máximo posible no entorno natural. Trátase dun conxunto de actuacións que permitirán recuperar este espazo como miradoiro de referencia no territorio así como recuperar un ben de interese turístico como a ermida de Triguás e conectar este lugar coa ruta BTT “Circular Parada de Sil” que forma parte do Centro BTT Ribeira Sacra que forma parte da rede de Centros BTT Galicia dependente da Axencia de Turismo de Galicia.

Así, realizaranse traballos de restauración da caseta de madeira como elemento turístico vinculado ao miradoiro: reposición da cuberta e do solo, reposición da fachada traseira e eliminación do graffiti existente.

Unha vez acometidos os traballos de restauración de parte do muro de pedra frontal da ermida, aproveitaranse dous dos bancos de pedra existentes no entorno para creación de un espazo panorámico interpretativo das características como espazo “startlight” de

referencia do concello.

Finalmente sinalizarase unha derivación dentro da ruta BTT “Circular Parada de Sil” que permita visitar este espazo aos usuarios do Centro BTT Ribeira Sacra.