Manuel Baltar recibiu no Pazo Provincial ao alcalde, José Luis González, co que repasou as actuacións desenvolvidas no concello e o apoio ás novas propostas
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu esta mañá no Pazo Provincial ao alcalde de Piñor, José Luis González, para repasar o estado das actuacións desenvolvidas polo goberno provincial neste concello e estudar novos proxectos de colaboración en materia de comunicacións e a mellora de áreas de lecer.
Manuel Baltar recolleu as propostas do alcalde, que se centran no acondicionamento da vía que atravesa o pobo de Casfigueiro, na parroquia de San Mamede da Canda, así como tamén na renovación do parque infantil da localidade de Arenteiro, na parroquia de Barrán. Un espazo que precisa a substitución do actual equipamento polo seu grao de deterioro.
José Luis Gonzalez expresou o seu agradecemento pola receptividade do presidente e da Deputación ás necesidades do Concello de Piñor e da súa veciñanza, “colaboración sen a que sería imposible levar a cabo todas estas obras”.