Marina Ortega do grupo socialista acusa á Xunta de “facer caixa coa dependencia” mentres a xente “continúa esperando polas axudas”

Marina Ortega sinala que mentres o goberno central duplicou as aportacións a Galicia, dende a Xunta recortaron 22 millóns no último exercicio

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, acusou hoxe ao goberno galego de “facer caixa coa Dependencia” por canto é das autonomías que máis fondos recibe do Estado pero a que menos inviste en Dependencia “mentres a xente segue a esperar. Ortega presentou unha Interpelación na que reclamou un xiro de 180 graos na xestión da Dependencia por parte do goberno galego.

AVANTAR ACTIVIDADES

Marina Ortega sinalou que o goberno galego é o que menos inviste de España, recortando 22 millóns de euros no último exercicio, mentres o goberno do Estado duplica as aportacións a Galicia, o que evidencia que, “en palabras de Feijóo: estanse a forrar coa Dependencia”, e emprazounos a “pedir perdón por vacilar á cidadanía”.

Denunciou que “o goberno galego actúa lento, é tramposo e carece de transparencia” na xestión da Dependencia, antes de sinalar que fixeron de Galicia “a autonomía con máis persoas con discapacidade do Estado e a que menos inviste nelas”.

A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que incremente o persoal dos Equipos de Valoración da Dependencia -EVD-, así como os de resolución de expedientes dos Programas Individuais de Atención -PIA-, ademais dun informe detallado dos cadros de persoal e a previsión de incremento dos técnicos. Ortega urxiu á conselleira de Política Social que informe sobre os expedientes de Dependencia sen resolución, así como aqueles solicitados pero non iniciados.

Reclamoulle ao goberno galego que atenda á “presión dos pésimos datos” e acepte incrementar o persoal dos Equipos de Valoración da Dependencia “aínda que sexa tarde, mal e a rastro”, porque “a xente segue a esperar polos dereitos que ten recoñecidos por Lei e que non se substancian pola inoperancia do goberno galego”, que é o responsable na materia.

Resumiu que “son os que menos invisten, tardan en resolver máis do dobre do permitido -máis de 400 días fronte aos 6 meses legais-, esconden 10.000 dependentes das listas de espera -como revelou o informe de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais- e a xustiza ten que obrigalos a aportar os datos de falecementos por covid nas residencias”. Sinalou que “ter unha discapacidade ou dependencia en Galicia é máis complicado pola desidia da Xunta e a falla de investimento”.

Recortes de Rajoy

Lembrou que foi o goberno do PP presidido por Rajoy o que asinou os recortes no Real Decreto de 2012, “auténtica arma letal contra a Lei de Dependencia que derivou nestas inxustizas”. Así foi, engadiu, porque “mentres o PP executaba os recortes os e as profesionais dos servizos sociais daban a cara e o seguen a facer porque aínda hoxe estamos a pagar as consecuencias”.

Marina Ortega explicou que mentres o PP sinala ao goberno de España das incompetencias e irresponsabilidades dunha competencia que lles corresponde ao goberno galego, e mentres o goberno de Rajoy recortaba 3.000 millóns de euros en só unha Lexislatura, o de Pedro Sánchez en tan só un ano aumentou a aportación estatal para a Dependencia u 44 por cento.

Sinalou que “hai que deixarlle claro á cidadanía que a axuda da dependencia non lle tarda porque a traballadora social faga mal o seu traballo, nin porque o alcalde, alcaldesa ou concelleira do seu concello non traballe na cuestión, senón porque a administración que ostenta a competencia e que ten a batuta para resolver, e que non está a ser dilixente, é o goberno galego”.