O PsdeG de Ourense reclama a ubicación na cidade da segunda facultade de medicina de Galicia co fin de impulsar a sanidade pública e o interior da comunidade

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Galicia é a terceira peor comunidade do Estado en ratio de médicos e medicas e tamén ten a peor ratio de facultades de Medicina por millón de habitantes, polo que “urxe formar aquí” máis persoal sanitario

Villarino asegura que suporía “unha gran oportunidade” para “solucionar a cobertura de prazas”; para “reforzar a educación e a sanidade como piares do estado” e para “impulsar o interior galego”

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O PSdeG-PSOE de Ourense reclama a ubicación na cidade da segunda facultade de medicina de Galicia, co fin de mellorar a atención e a cobertura de prazas do sistema sanitario público, formando máis profesionais. Sería tamén unha decisión que, xunto a outras, axudaría a resolver problemas demográficos e económicos da provincia. Por iso, os e as socialistas comezan unha campaña para defender unha proposta “necesaria para toda Galicia” que “é de xustiza co interior da comunidade”.

A primeira iniciativa debaterase na Deputación e reclama “instar á Xunta á creación en Ourense, na contorna do Hospital Universitario do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), da segunda facultade de Medicina, co fin de incrementar o número de profesionais formados na nosa comunidade para facer posible, xunto co aumento de prazas MIR, dunha mellor planificación e cobertura das necesidades de persoal” actuais e futuras.

Tamén pide instar ás institucións do Sistema Universitario de Galicia a “evitar disputas innecesarias sobre a creación dunha segunda facultade”, optando por “establecer este necesario centro na contorna do CHUO”. Así mesmo reclama á Deputación “defender e participar, mediante a colaboración económica ou patrimonial que sexa necesaria, a creación da segunda facultade de Medicina”, xa que parte deses terreos son patrimonio desta institución.

A iniciativa detalla que “desde hai lustros asistimos a unha sucesión de queixas da comunidade sanitaria e dos usuarios e usuarias, sobre a grave falta de persoal”, unha situación “agravada nos últimos anos”. “A administración vese obrigada a usar procedementos extraordinarios de contratación para poder dotar de persoal a servizos e especialidades”, insisten antes de recordar que Galicia é a terceira peor comunidade en ratio de médicos e medicas.

Galicia tamén é a comunidade con peor ratio de facultades de Medicina por millón de habitantes. A pesar de ser a quinta rexión máis poboada, con 2,7 millóns de habitantes, só ten un centro que imparte estes estudos. Outras comunidades menos poboadas como Castela e León (2,2 millóns), Canarias (2,2 millóns), Castela-La Mancha (2 millóns), Murcia (1,5 millóns) ou Aragón (1,3 millóns) contan con, a lo menos, dúas facultades cada unha. Incluso Navarra, con só 600.000 habitantes, ten ata tres facultades.

O voceiro, Rafa Villarino, asegura que a creación dunha segunda facultade suporía “unha gran oportunidade para paliar estes problema de cobertura”; para “reforzar a educación e a sanidade como piares do estado de benestar” e para “potenciar sinerxias que sitúen á nosa provincia, moi necesitade de investimentos que permitan darlle a volta a brutal desfeita demográfica na que está sumida desde hai medio século”, así como para impulsar no interior galego un novo polo de investigación no campo da medicina ou a biotecnoloxía.

Unha situación que, segundo os expertos, agravarase nos próximos anos a causa das xubilacións masivas ou do avellentamento. A falta persoal formado en Galicia é tan evidente, que é un problema recoñecido polos directivos da Xunta, sinalan desde o PSdeG-PSOE antes de recordar que a directora xeral de Recursos Humanos de Sanidade declarou recentemente que “faltan médicos” porque “formamos a máis residentes que prazas de Medicina hai en Galicia”.

Desde o PSdeG-PSOE defenden que o adecuado sería sumar 75 prazas á actual oferta nunha nova facultade situada xunto ao Hospital Universitario da terceira cidade de Galicia, onde hai terreos aptos para estes usos. Ademais no complexo ourensá xa se imparte formación do grao de Enfermería, de sexto de Medicina e a dos médicos e médicas internos residentes. Tamén se están a desenvolver proxectos de investigación sanitaria.

“Esta ubicación evitaría pelexas innecesarias que prexudican a toda Galicia” desbloqueando a necesaria creación deste centro, insisten. En 2015 os rectores das universidades de Vigo e A Coruña renunciaron a reclamar unha facultade de Medicina propia a cambio de que a Universidade de Santiago descentralizase a docencia clínica. “Sete anos despois quedou claro que esta solución non é óptima, xa que os problemas de cobertura cada vez son peores e a facultade compostelana segue saturada”, destacan desde o grupo socialista.