A Xunta destina preto de 565.000€ para mellorar o equipamento de 7 polígonos empresariais da provincia de Ourense e construír 2 novos viveiros industriais

  • Gabriel Alén reuniuse co presidente da Asociación de Empresarios de Polígono Empresarial de San Cibrao, para anunciarlle a axuda concedida pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de preto de 40.000 euros para a mellora da rede troncal de videovixilancia do polígono ao abeiro da orde de parques empresariais de 2022
  • Na provincia de Ourense foron beneficiarios tamén os parques empresariais de Vilamarín, Celanova, Vilar de Santos, Cortegada, San Cristovo de Cea e Pereiro de Aguiar
  • Crearanse dous novos viveiros industriais na provincia, A Veiga e O Carballiño co obxectivo de favorecer novas actividades de carácter industrial, o nacemento de novas empresas e axudar os empresarios nas súas primeiras etapas de actividade
  • O delegado territorial explicou que con estas dúas liñas de apoio, a Xunta aposta por fortalecer o tecido industrial afincado en Galicia, mellorando a súa competitividade; así como modernizar as infraestruturas de apoio ao tecido empresarial da Comunidade

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá ao Parque Empresarial de San Cibrao para reunirse co presidente da Asociación de Empresarios, José Antonio Rodriguez, e parte do seu equipo directivo para anunciarlle a axuda concedida pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de preto de 40.000 euros para a mellora da rede troncal de videovixilancia do polígono ao abeiro da orde de parques empresariais de 2022, e lembrou que na edición anterior desta mesma orde, o Polígono Industrial de San Cibrao recibiu preto de 39.000 euros para a ampliación do sistema de videovixilancia.

O delegado territorial, que estivo acompañado do alcalde, Manuel Pedro Fernández, explicou que a Xunta vén de resolver a orde de axuda para a mellora de infraestruturas dos parques empresariais galegos e para a creación de viveiros industriais. En total concedéronse 4,75M€ en axudas (o orzamento inicial previsto) que favorecerán un investimento total de 6,6 millóns de euros en 43 concellos galegos; todos eles, concellos emprendedores. Na provincia de Ourense foron beneficiarios tamén os parques empresariais de Vilamarín, Celanova, Vilar de Santos, Cortegada, San Cristovo de Cea e Pereiro de Aguiar aos que a Xunta destinou 564.475 euros.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén sinalou que impulsarase a mellora de infraestruturas dos polígonos empresariais que, ademais, forman parte da Rede autonómica de concellos emprendedores e, por tanto, obtiveron máis puntuación nos seus proxectos por contar con este recoñecemento. Os proxectos consisten na realización e acondicionamento de infraestruturas viarias, a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia, xestión de residuos ou depuración de augas, entre outras. Recibirán unha axuda de 3,25 millóns de euros.

Con esta liña de apoios, -aclarou o delegado territorial- a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación pretende resolver determinadas carencias de infraestruturas, así como novas necesidades en materia de comunicacións ou de servizos que presenta o solo empresarial galego co obxectivo de acondicionar e modernizar os parques. As axudas son dun máximo de 120.000 euros por proxecto e poden recibir anticipos do 25 % da axuda concedida.

En canto aos viveiros industriais, apóiase a creación de dous novos espazos na provincia de Ourense, A Veiga e O Carballiño co obxectivo de favorecer novas actividades de carácter industrial, o nacemento de novas empresas e axudar os empresarios nas súas primeiras etapas de actividade. A axuda máxima é de 240.000 euros e os beneficiarios tamén poderán obter anticipos do 25 %.

Con estas dúas liñas de apoio, a Xunta aposta por fortalecer o tecido industrial afincado en Galicia, mellorando a súa competitividade; así como modernizar as infraestruturas de apoio ao tecido empresarial da Comunidade. Pretende ser, ademais, un impulso para a captación de investimentos en Galicia polo que, neste sentido, encaixa nas medidas que fomenta a Lei de implantación empresarial en que os concellos emprendedores teñen un papel fundamental á hora de colaborar co Goberno galego para facilitar ás empresas beneficios fiscais, acceso ao solo e facilidades administrativas a cambio de contar con prioridade en ordes de axudas como estas