Nota Informativa do PsdeG de Leiro

Nota Informativa do PsdeG de Leiro

Os e as socialistas, ante a “falla de transparencia” do goberno local, víronse na obriga de elevar un escrito ante a Valedora do Pobo, por mor das “múltiples e variadas deficiencias na xestión do Concello”

AVANTAR ACTIVIDADES

O voceiro do PSdeG, Manuel Rodríguez, sinala que “o escurantismo do alcalde trata de impedir a fiscalización da súa xestión e dificultarnos o acceso á documentación sobre a xestión dos recursos públicos”

O PSdeG-PSOE de Leiro denuncia que o alcalde do Partido Popular, Francisco José Fernández, négase a atender os requirimentos da Valedora do Pobo no seu afán por seguir coa súa “trama” de ocultación de información de forma “reiterada” á oposición. Os e as socialistas critican a “ausencia total” de transparencia por parte do rexedor do municipio, que dende o pasado 13 de abril, non respondeu ao requirimento feito dende o alto comisionado do Parlamento de Galicia para a defensa dos dereitos e liberdades.

Dende o Grupo Municipal Socialista explican que ante reiterada “falla de transparencia” ao longo desta lexislatura por parte do grupo de goberno do Partido Popular, os socialistas de Leiro víronse na obriga de elevar un escrito de queixa a Valedora de Pobo, que foi admitido a trámite xa no seu momento, abríndose o correspondente expediente. Dende o PSOE municipal denuncian que o alcalde trata de “ocultar as múltiples e variadas deficiencias da súa xestión ao fronte do goberno local, prexudicando gravemente os intereses dos veciños e veciñas de Leiro”.

Os socialistas de Leiro recibiron con data 2 de xuño un escrito da Valedora do Pobo no que se informaba que o Concello de Leiro non remitiu o informe demandado, e que polo tanto volveuse a requirir novamente. Transcorridos xa 15 días, aínda non houbo novas ao respecto. Neste senso, os socialistas lembran que o envío desta información “é unha obriga legal, recollida no artigo 22 da Lei da Valedora do Pobo”, motivo polo que lle esixen ao alcalde que “deixe de bloquear o funcionamento democrático do consistorio”.

O voceiro do PSdeG-PSOE de Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez, apunta a que “é necesario aclarar que o que acontece con este requirimento, así como con outras iniciativas que xa están en marcha, son o resultado da falta de transparencia por parte do alcalde e senador”. O edil socialista subliña que “o único que busca o señor Fernández, dunha maneira moi sospeitosa e escurantista, é impedir a fiscalización da súa xestión e dificultar o acceso á documentación e información sobre a xestión dos recursos públicos que fai o equipo de goberno do PP”.

Rodríguez Vázquez afirma que “a mellor imaxe que o señor alcalde e o seu equipo poden dar a Leiro e as súas xentes, é cumprir as normas e principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión dos recursos públicos”. Neste senso tamén lembra que “estes principios foron referendados polo Senado do país, do que forma parte o alcalde de Leiro”.

Dende o Grupo Municipal Socialista poñen o foco en que o alcalde trata de “pisotear” a obriga legal de transparencia que deben ter todos os executivos, dando resposta tanto á oposición como a cidadanía, sobre temas dos que requiren información. Tamén afirman que o alcalde e o seu equipo “incumpren de forma constante e deliberada a lei de bases de réxime local”.