Nota Informativa do PsdeG de Cenlle

Os socialistas aproveitaron a sesión plenaria desta semana para preguntarlle ao rexedor acerca da situación do proxecto, obtendo como resposta que “o proxecto a día de hoxe non existe”

O voceiro do PSdeG, José Rodríguez Veloso, acusa ao alcalde de Cenlle de “calar ante as mentiras do seu superior e tratar de esconder a realidade, que é que a aldea de Osmo non está nin se lle espera”

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Cenlle critica o “cinismo” do Partido Popular ao falar da aldea modelo de Osmo, como a primeira de Galicia neste ámbito, xa que segundo apuntan “a aldea non existe, nin hai previsións de que o proxecto se poña en marcha a corto prazo”. Os socialistas aproveitaron a sesión plenaria desta semana para preguntarlle ao rexedor acerca da situación do proxecto, obtendo como resposta que “o proxecto a día de hoxe non existe”.

Dende o Grupo Municipal Socialista consideran unha “tomadura de pelo” que o conselleiro de Medio Rural veña a vender “fume” con respecto a un proxecto que “nin está, nin se lle espera en próximas datas”. Os e as socialistas amosan o seu malestar co Partido Popular aos que acusan de “mentir descaradamente sobre o proxecto de Osmo, co único obxectivo de confundir a opinión pública e tratar de ganar así uns votiños de cara as vindeiras eleccións municipais”.

Dende o PSOE de Cenlle afirman que “seguiremos a fiscalizar o proxecto da aldea modelo de Osmo e a preguntar nos plenos ao señor alcalde sobre como avanza dita iniciativa, xa que tememos que todo sexa fume electoralista e que finalmente non se concrete ningún proxecto”. Os e as socialistas tamén lle esixen ao conselleiro de Medio Rural, José González, que “deixe de buscar falsos titulares e de confundir á veciñanza cun proxecto que arestora non existe e do que se tiveron que devolver subvencións, xa que non se levou a cabo”.

Para o voceiro do PSdeG-PSOE, José Rodríguez Veloso, as declaracións do conselleiro do PP “son un insulto a intelixencia” e acusa ao alcalde de Cenlle, o popular José Manuel Rodríguez Lamas de “calar ante as mentiras do seu superior e tratar de esconder a realidade, que é que a día de hoxe a aldea de Osmo non está nin se lle espera”. O edil socialistas esíxelle aos populares “coherencia política” e que “non falten a verdade co fin de sacar rédito electoral”.

Rodríguez Veloso tamén aproveita para denunciar que ao Partido Popular de Cenlle e na Xunta de Galicia “enchéselles a boca ao falar do rural, de aldeas modelos e de proxectos no interior, pero a realidade é que nin hai proxectos, nin hai aldeas modelos, nin se realizan os investimentos necesarios para que o rural de concellos como Cenlle non esmoreza”.

Críticas a ausencia de democracia nos plenos municipais

O PSdeG-PSOE de Cenlle tamén pon no foco a actitude “ditatorial” do alcalde do PP nos plenos, ao que acusan de “querer rematar rápido, para evitar deste xeito a fiscalización da oposición”. Neste senso, os socialistas relatan que no último pleno municipal, no apartado de rogos e preguntas, o alcalde negouse a responder unha das varias preguntas dos socialistas alegando que “xa estaba ben e que había que rematar”. O voceiro do PSdeG-PSOE no municipio afirma que “eu fun elixido democraticamente e polo tanto teño a obriga de preguntarlle e el de responder”.

Os socialistas tamén critican as “lamentables” formas do rexedor, cando o voceiro socialista lle indicou que lle facilitaba as preguntas antes as “presas” por rematar o pleno e que xa llas contestaría. “O alcalde respondeu dicindo que teño máis cousas que facer que aguantarte, unhas formas que son totalmente vergoñentas para quen representa o cargo de alcalde e que cobra 1.200 euros ao mes, ademais de dúas pagas extras, cousa que non facemos os socialistas, que traballamos por amor e dedicación ao municipio e as súas xentes”.