Nicolás González, premiado en Oslo pola European Alcohol Policy Alliance polo seu labor na concienciación dos riscos que representa o alcohol para a saúde

IES CHAMOSO LAMAS

O europarlamentario galego participa na novena European Alcohol Policy Conference para apoiar a ciencia, a empatía e a vontade política como a fórmula idónea para informar á cidadanía sobre a prevención do cancro e o consumo de alcohol

Hoxe e mañá, Oslo acolle a novena European Alcohol Policy Conference (Conferencia Europea sobre Políticas do Alcohol). Un espazo impulsado pola Eurocare (The European Alcohol Policy Alliance) e Actis (Norwegian Policy Network on Alcohol and Drugs) co obxectivo de traballar en rede e debater sobre cuestións relacionadas coas políticas e os danos relacionados co alcohol. Persoas expertas do ámbito da política, a ciencia e a saúde danse cita estes dous días na capital noruega para abordar a prevención e redución desta problemática.

HIPER MASIDE

O eurodeputado socialista, Nicolás González Casares, recibiu este xoves o premio European award for reducing alcohol harm 2020 da man da Eurocare polo seu labor na concienciación dos riscos que o consumo de alcohol representa para a saúde propia e da contorna. O europarlamentario participou na primeira mesa redonda deste encontro xunto a Ole Henrik Krat Bjørkholt, secretario de Estado no Ministerio de Saúde e Servizos Sanitarios de Noruega; Vesna Kerstin Petrič, directora xeral da Dirección de Saúde Pública do Ministerio de Saúde de Eslovenia; Aurelijus Veryga, membro do Parlamento de Lituania; Stefan Schreck, asesor da Dirección Xeral de Saúde e Seguridade Alimentaria da Comisión Europea; Carina Ferreira-Borges, xerente do Programa de Alcohol, Drogas Ilícitas e Saúde Penal na Organización Europea da OMS; e Frank Vandenbroucke, viceprimeiro ministro e ministro de Sanidade e Asuntos Sociais de Bélxica.  

González Casares, que participou como poñente no Comité Especial de Loita contra o Cancro (BECA) no Parlamento Europeo, puxo enriba da mesa a necesidade de apostar pola ciencia, a empatía e a vontade política como a fórmula idónea para informar á cidadanía sobre a prevención do cancro e o consumo de alcohol. Desde esta comisión constatouse a importancia de traballar na prevención desta enfermidade, na cal, o 40% dos casos poderían evitarse con medidas que protexan á cidadanía de substancias tóxicas ambientais ou vinculadas aos lugares de traballo e impulsando estilos de vida saudables.

No marco da saúde, aínda que a ciencia leva anos alertando da natureza canceríxena do alcohol, a sociedade vese sometida a unha información tendenciosa sobre os riscos do consumo desta substancia, chegando a atribuírlle certos beneficios para enfermidades cardiovasculares ou procesos dixestivos baixo as etiquetas de “consumo moderado” ou “consumo responsable”. “A industria do alcohol potenciou estas crenzas durante anos e falta decisión política para atallalas”, asegurou Nicolás González durante a súa análise dos obstáculos que dificultan a posta en marcha de novas políticas e das iniciativas lideradas pola Comisión Europea, o Parlamento Europeo e a OMS para reducir o consumo de alcohol en Europa.

O socialista ten claro que “para exercer unha verdadeira liberdade de elección, débese dispoñer dunha información completa e veraz sobre os beneficios, riscos, custos e consecuencias propias e alleas do consumo de alcohol”. Coñecementos que son imprescindibles para que os cidadáns e cidadás poidan seguir uns hábitos que coiden da súa saúde.