O CeMAC reivindicará en Celanova a evolución do audiovisual galego, con especial atención ás longametraxes rodadas este ano en Ourense

-11.00 horas: Presentación do CEMAC 2022.- O deputado Pablo Pérez intervén na presentación do XVIII Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CEMAC). Estará acompañado polo presidente da Fundación Carlos Casares, Xavier Casares, e o codirector do CEMAC, Paulino Pérez, Esther de Blas do Campus de Ourense e o Alcalde de Celanova, Antonio Puga. Lugar: Sala de prensa da Deputación.

A 18º edición do Curso de Verán de Extensión Universitaria de Medios Audiovisuais de Celanova celebrarase entre o 28 de xuño e o 1 de xullo, abordando na súa programación a canteira de talentos da Universidade de Vigo, xunto a referentes do panorama audiovisual galego e as películas rodadas nos últimos meses na provincia co patrocinio da Deputación

O deputado Pablo Pérez resaltou na presentación do CeMAC 2022 o peso específico de Celanova dentro do audiovisual galego, ademais da aposta da Deputación por transformar a provincia nun gran plató de cinema, con ferramentas como o Ourense Film Festival ou a Ourense Film Commission

AVANTAR ACTIVIDADES

Estas xornadas formativas pecharán cun diálogo entre os presidente da Academia do Cine, Fernando Méndez-Leite, e da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra

O CeMAC 2022 está dirixido por Miguel Anxo Fernández e Paulino Pérez, e está organizado pola Deputación, Concello de Celanova, Fundación Carlos Casares e a Vicerreitoría do Campus de Ourense, ademais da colaboración da Xunta de Galicia a través do Agadic

O XVIII Curso de Verán de Extensión Universitaria de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC) volve a Celanova, “un lugar que foi, é e será un gran plató de audiovisual”, como sinalou na presentación desta mañá o deputado de Cooperación, Pablo Pérez. Este curso celebrarase entre o 28 de xuño e o 1 de xullo baixo o lema “Cinema no bisturí: Deconstruíndo o audiovisual galego actual”, e está promovido pola Deputación de Ourense, o Concello de Celanova, a Vicerreitoría do Campus de Ourense e a Fundación Carlos Casares, ademais da colaboración da Xunta de Galicia a través de Agadic. 

A CeMAC xuntará cualificados especialistas do sector para disertar nesta edición arredor da evolución do audiovisual galego, adicando unha das xornadas ás longametraxes rodadas en Ourense nos últimos meses co patrocinio da Deputación de Ourense -“O home e o can”, “La manzana de oro” ou “Honeymoon”-.

A presentación do CeMAC 2022 tivo lugar esta mañá na sala de prensa do Pazo Provincial, coa presenza do deputado Pablo Pérez; o alcalde de Celanova, Antonio Puga; a vicerreitora en funcións do Campus de Ourense, Esther de Blas; o presidente da Fundación Carlos Casares, Xavier Casares, e o codirector do CeMAC Paulino Pérez . No comezo da súa intervención, o deputado de Cooperación sinalou que Celanova “transformouse nun territorio que por méritos propios ten un importante espazo no mundo audiovisual, con autores como Carlos Velo ou Carlos Montero, e sendo escenario de series e filmes de gran éxito como ‘El desorden que dejas”.

A aposta da Deputación de Ourense polo audiovisual

Pablo Pérez resaltou a aposta da Deputación por converter á provincia de Ourense nun plató audiovisual: “Este proxecto, liderado polo presidente Manuel Baltar, está dando froitos como pode verse perfectamente neste 2022, con cinco producións rodadas -catro rodadas de xeito simultáneo durante maio- e outro bo número delas comprometidas”. As producións audiovisuais rodadas en Ourense, sinalou o deputado, “proporcionan visibilidade e redundan nun claro beneficio non só cultural, senón tamén económico”. 

Estes esforzos vense reflectidos, segundo Pablo Pérez, “pola presencia de múltiples artistas da provincia nos grandes escenarios e proxectos audiovisuais, tendo o CeMAC un papel clave, ademais doutros factores clave como o Ourense Film Festival ou a recentemente creada Ourense Film Commission”

Pola súa banda, o alcalde de Celanova, Antonio Puga, amosou a súa alegría por celebrar un evento que volta a Celanova despois de dous anos sen celebrarse na vila por mor da pandemia. Para o Concello, un dos obxectivos desta edición “é involucrar nos cursos ao público e a cidadanía, e con ese obxectivo terán lugar dous concertos e a proxección dun filme na Praza Maior de Celanova”. 

Xavier Casares expresou o seu agradecemento por tantos anos apoiando o proxecto dende o “Concello de Celanova e as institucións que nos axudan, destacando a Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense”. 

“Celanova é un lugar privilexiado polas súas construcións, instalacións e pola súa ampla historia”, salientou a vicerreitora en funcións do Campus de Ourense, Esther de Blas, a cal mostrou a súa satisfacción por este curso, “un dos que máis orgullosos estamos na Uvigo”.

O codirector do CeMAC manifestou a súa ledicia por voltar a Celanova dous anos despois de “diáspora obrigada”, xa que a vila de Celanova “é fantástica e pode ofrecernos todo o que precisamos e máis”. Para Paulino Pérez, as vilas “son ideais para este tipo de cursos, xa que a través deles revitalízase a vida socioeconómica da poboación e serve como atractivo para os visitantes”. Ademais, lembrou as facilidades derivadas da chegada da Alta Velocidade á provincia de Ourense.

A conferencia de clausura estará protagonizada polos presidentes da Academia de Cine e da Academia Galega do Audiovisual

O  curso oferta 50 prazas -con remate de inscrición o 27 de xuño- e está dirixido polo crítico, profesor e escritor Miguel Anxo Fernández e polo profesor Paulino Pérez como codirector. O CeMAC é un dos foros audiovisuais de referencia de Galicia, realizándose a carón deste evento diferentes actividades coma o Taller Audiovisual, dirixido especialmente cara ó alumnado de Comunicación Audiovisual, que obtén, grazas a esta actividade, unha experiencia práctica e un recoñecemento académico.

O programa de actividades dará comezo o martes 28 de xuño, coa inauguración oficial do curso por parte de Miguel Anxo Fernández e Paulino Pérez. A continuación proxectaranse varias curtametraxes realizadas por estudantes da Universidade de Vigo, algúns deles xa incorporados no mercado laboral. O finalizar estas proxeccións, os asistentes poderán participar nun coloquio cos directores dos filmes, “tendo os estudantes as súas primeiras experiencias á hora de presentar un proxecto de cara ó publico”, segundo afirmou Paulino Pérez.

O mércores 29 será a quenda da proxección e análise dun filme galego dende os diferentes prismas: dirección, produción, deseño e posprodución de son, música, maquillaxe… coa presenza dos responsables de cada unha destas áreas.

Os cursos continuarán o xoves 30 de xuño, co mencionado protagonismo para películas rodadas durante os últimos meses na provincia de Ourense, e que contan co patrocinio da Deputación. Estarán cos alumnos Ángel de la Cruz -director de “O home e o can”-, Xosé Zapata -coprodutor de “La manzana de oro”, ou Enrique Otero -director de “Honeymoon”-.

Para finalizar, o venres 1 de xullo este curso rematará cun obradoiro audiovisual con protagonismo para Celanova e unha conferencia de clausura a cargo do presidente da Academia de Cine, Fernando Méndez-Leite, e o o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra.