Rosendo Fernández defende o papel dos gobernos locais intermedios como “o verdadeiro complemento dos concellos”

Rosendo Fernández (VicePresidente da Deputación Ourense) participa por videoconferencia coa Fundación Democracia e Goberno Local.

O vicepresidente primeiro da  Deputación participou hoxe nas convocatorias da comisión permanente e da xunta do Padroado da Fundación Democracia e Goberno Local, ás que asistiu en representación de Manuel Baltar

Fernández asegurou que puido constatar “a boa saúde da que goza o mundo local”, avalada polos trámites de incorporación á Fundación de 27 novos gobernos intermedios 

AVANTAR ACTIVIDADES

O vicepresidente primeiro da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, participou hoxe nas convocatorias da comisión permanente e da xunta do Padroado da Fundación Democracia e Goberno Local, ás que asistiu por vía telemática en representación de Manuel Baltar.

Tras ambas reunións, Rosendo Fernández asegurou que puido constatar “a boa saúde da que goza o mundo local”, defendendo o papel dos gobernos intermedios como “o verdadeiro complemento dos concellos, en particular daqueles que teñen menos recursos”. Nesta liña lembrou a petición trasladada ao Goberno central para que “dote aos gobernos locais intermedios de competencias que lle sexan propias, de tal xeito que poidan desenvolver con autonomía políticas dirixidas especificamente a eses concellos”.

Nas sesións celebradas esta mañá, detallou o vicepresidente da Deputación, informouse dos trámites postos en marcha para a incorporación de 27 novos gobernos intermedios á fundación, “o que da idea do importante papel que xoga o traballo asociativo”. Ademais de aprobar as contas de 2021 tamén se repasaron outras actividades organizadas como a celebración do 20 aniversario da Fundación, coincidindo ademais cos 200 anos que cumpriron varias deputacións, entre elas Ourense; o éxito da V Conferencia de Presidencias de Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares que se celebrou en Valencia a mediados de maio; as xornadas celebradas e publicacións que seguen en marcha; así como tamén a actividade realizada polos grupos de traballo Axenda 2023 e Transformación Dixital.