A Deputación activa un plan de acompañamento na Área de Benestar para seguir mellorando a atención aos veciños en risco de exclusión dixital

Reunión Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) con José Juán Cerdeira Lois (Xefe da Área de Benestar da Deputación Ourense).

O programa combinará a atención física en Ourense, nunha oficina con administración híbrida, co apoio presencial dos traballadores sociais dos concellos que asinen o convenio de “Administración con acompañamento dixital”

O obxectivo é avanzar na loita contra a exclusión dixital: este plan perfecciona os sistemas que permiten acceder aos servizos e programas por parte de veciños sen competencias dixitais á vez que evita os desprazamentos á Deputación para xestionar as solicitudes administrativas

AVANTAR ACTIVIDADES

Manuel Baltar valora este plan como “un paso máis no proceso de achegar os nosos servizos públicos e programas aos veciños”

O presidente da Deputación define a loita contra a exclusión dixital como “imprescindible” por parte das administracións públicas: “E plans coma este nos sitúan cada ano á vangarda da procura de solucións imaxinativas para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños”

A Deputación de Ourense activa, a través da Área de Benestar, o plan “Administración con acompañamento dixital” para seguir mellorando a atención aos veciños da provincia en risco de exclusión dixital. Este programa busca a colaboración de municipios de toda a provincia e sumará a atención presencial dende a Deputación e os concellos conveniados coa xestión dixital en tempo real, evitando os desprazamentos de veciños sen certificado dixital ás oficinas da Área de Benestar. 

Entre outras accións, implantarase unha oficina provincial híbrida, que se combinará co apoio presencial en cada concello conveniado dos traballadores sociais. Ademais, crearase un grupo de traballo contra a exclusión dixital para seguir perfeccionando a resposta da Deputación ante os aspectos máis negativos derivados da transformación dixital das administracións públicas. Todas estas medidas executaranse durante o ano 2022. 

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, reuniuse no Pazo Provincial co director da Área de Benestar, Jose Juan Cerdeira, para abordar os detalles do plan que desenrolará esta área da administración provincial para apoiar aos beneficiarios dos servizos públicos e programas de axudas que xestiona, como a Teleasistencia, o Plan de Termalismo Social ou o plan ChegOU. 

Manuel Baltar valora este plan como “un novo paso da Deputación, e concretamente da Área de Benestar, na procura de achegar os nosos servizos á veciñanza, configurando e perfeccionando a unha administración que xa é completamente electrónica, o que permite máis rapidez, máis axilidade, máis transparencia e, en definitiva, mellores servizos públicos”. 

O presidente da Deputación define a loita contra a exclusión dixital como completamente necesario: “Esta é a senda que debemos percorrer todas as administracións públicas, por isto recoñezo o traballo que se está a facer dende a Área de Benestar, dirixida por Jose Juan Cerdeira, con iniciativas que todos os anos nos sitúan na vangarda de solucións imaxinativas para os veciños de Ourense”. 

A redución da fenda dixital, lembrou Baltar, é unha das liñas mestras do traballo cotiá da Deputación, con procesos abertos de reflexión como os desenrolados dentro do programa da Ourense Mobile Week, que celebrará a súa nova edición en setembro deste ano. 

Pola súa banda, o director da Área de Benestar da Deputación destaca a importancia de seguir avanzando na loita da administración provincial contra a exclusión dixital: “Ofreceremos a posibilidade de tramitar solicitudes de axudas e programas provinciais de forma presencial no concello de residencia da persoa en risco de exclusión dixital”. Este novo paso, sinala Cerdeira, será en tempo real: “A Deputación comezará a tramitar o expediente dende o momento no que o funcionario municipal cumprimente a súa solicitude. E dicir, atención presencial local e tratamento provincial dixital”. 

Proxecto piloto de oficina provincial híbrida

Dentro deste plan, a Área de Benestar, na súa sede de Correos, implantará como proxecto piloto unha oficina con administración híbrida para veciños sen certificado dixital. Neste espazo, o veciño terá a súa disposición unha pantalla dixital para introducir os datos da solicitude, un proceso no que poderá estar acompañado, si o desexa, dun funcionario. Unha vez cumprimentada a solicitude, e coa súa identificación, o funcionario presentará a solicitude en nome do veciño, recibindo este unha copia impresa co rexistro da solicitude correctamente presentado. 

“Acompañamento dixital” apoiados nos traballadores sociais de concellos conveniados

A Deputación compatibilizará a atención presencial co xa mencionado obxectivo de evitar desprazamentos de veciños ourensáns sen certificado dixital e que queiran realizar trámites ante a Área de Benestar. Para elo, xa está asinando cos concellos de toda a provincia convenios de “acompañamento dixital”, para realizar dende os servizos sociais municipais a xestión de solicitudes, evitando o desprazamento do veciño á Deputación. 

Os traballadores sociais disporán dunha acreditación para cumprimentar dixitalmente a solicitude e imprimírsella ao veciño, para que este a presente fisicamente no rexistro electrónico do seu concello. Os datos introducidos dixitalmente polo traballador social serán xestionados de xeito online e en tempo real dende o momento da súa introdución no sistema e, paralelamente, a presentación no rexistro electrónico municipal respalda a identificación do solicitante. 

Estes convenios municipais son unha ferramenta a través da cal a Deputación de Ourense quere compatibilizar a xestión dixital coa atención presencial, combinando a axilidade, a ausencia de desprazamentos á sede provincial e a celeridade nos prazos de resolución, coa atención en persoa aos veciños que padecen exclusión dixital. 

Grupo de traballo para mellorar os procedementos administrativos dende a óptica da exclusión dixital

Ademais, a Área de Benestar creará un grupo de traballo para analizar e mellorar os procedementos administrativos dende a perspectiva da exclusión dixital que poidan estar xerando. 

O primeiro obxectivo deste grupo de traballo será definir os procedementos administrativos que se van a analizar e, sobre eles, definir os parámetros a estudar, os aspectos a mellorar e os indicadores que servirán para medir os procedementos. Outra das funcións do grupo de traballo será a evolución constante das posibles melloras a introducir nestas dinámicas administrativas, tanto tecnolóxicas como xurídicas. 

Un novo paso da Área de Benestar para combater a exclusión dixital

O proceso de transformación dixital desenrolado durante os últimos anos pola Área de Benestar levou a que o 100% dos trámites administrativos sexan hoxe dixitais. Nesta evolución, os equipos de traballo abordaron tanto os aspectos positivos derivados da administración electrónica -rapidez, aforro de desprazamentos, sen papeis…- como as consecuencias negativas, que xiran arredor da exclusión dixital. 

Este é un fenómeno global: a transformación dixital das administracións consolida un novo modelo de relacións cos veciños baseado na atención dixital, con múltiples vantaxes pero cun aspecto negativo que provoca desigualdades, a mencionada exclusión dixital. 

Esta nova realidade social queda definida como a exclusión de parte da sociedade por limitacións coas novas tecnoloxías, as que sofren os grupos sociais que non se adaptaron, que non dispoñen de acceso a elas, que non saben usalas o non dispoñen da capacidade para comprender o seu funcionamento nun ámbito concreto. Estas capacidades dixitais, necesarias para certos trámites, poden acabar derivando no aumento da brecha dixital e a consolidación de novos colectivos de excluídos dixitais.

Nesta liña, dende a Área de Benestar sempre se teñen habilitado opcións enfocadas á atención aos colectivos en exclusión dixital. Unha orientación que agora búscase mellorar a través do deseño deste plan de “Administración de acompañamento dixital”: despois de garantir que ningún veciño queda excluído dos seus procedementos de solicitude dixital, agora poderán dirixirse á administración provincial presencialmente dende o seu municipio de residencia, sen ter que desprazarse á capital provincial para xestionar as súas solicitudes administrativas.