A XIV edición da Festa da Palabra celebrarase o 16 de xullo na Insua dos Poetas

O presidente da Deputación, Manuel Baltar e o presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luis González Tosar, abordaron no Pazo Provincial os detalles desta edición, adicada ao colectivo Brais Pinto

A homenaxe a este grupo, fundamental na defensa da cultura galega durante a ditadura franquista con figuras como os ourensáns “Ben-Cho-Shey” ou Méndez Ferrín, contará cunha escultura de Ramón Conde

AVANTAR ACTIVIDADES

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, reuniuse no Pazo Provincial co presidente da Fundación Insua dos Poetas, o poeta Luis González Tosar, para abordar os últimos preparativos da XIV da Festa da Palabra. Unha xornada que se celebrará o próximo 16 de xullo na Insua dos Poetas (A Esgueva, Madarnás, O Carballiño) a partir das 11,30 horas e que estará organizada, como cada ano, pola Fundación Insua dos Poetas e a Deputación de Ourense, ademais do apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura. A edición deste ano estará adicada ao colectivo cultural Brais Pinto. 

O presidente da Deputación celebra a organización, “un ano máis, da Festa da Palabra. Un espazo único no contexto nacional e mesmo internacional. Por iso animo a todos os ourensáns que se acheguen á Insua dos Poetas a desfrutalo”. Baltar define a Festa da Palabra como un “encontro entre a escultura, a paisaxe, a poesía… para render homenaxe a todos os grandes que Ourense, que Galicia, deron ao mundo da cultura, cun compoñente moi grande do que significa a emigración na traxectoria do noso pobo e de toda a colectividade galega”. 

Manuel Baltar avanza que a Deputación “seguirá apoiando, coma sempre, a Festa da Palabra e a propia Insua dos Poetas, xa no pasado recente viuse como un espazo propicio para concertos, para actividades ao aire libre, para festexar a nosa gastronomía, a nosa artesanía, os nosos costumes… e polo tanto, reivindicar o corazón da nosa cultura, nunha embaixada cultural na que todos somos libres para festexar a palabra, a lingua, a literatura… todo o que proporciona a identidade galega da que presumimos”. 

Luis González Tosar destaca a traxectoria desta Festa, “instaurada fai catorce anos pola Fundación Insua dos Poetas e a Deputación de Ourense para celebrar a nosa literatura nun homenaxe caracterizado pola orixinalidade e a perdurabilidade”. O presidente da Fundación Insua dos Poetas remarca que a homenaxe central da xornada busca “perdurar”, apoiada nunha “referencia física en forma de obra de arte”. Nesta edición, o recordo ao colectivo Brais Pinto virá acompañado por unha escultura que está preparando o ourensán Ramón Conde. 

Homenaxe ao colectivo Brais Pinto, espazo de creación e activismo fundamental na defensa da cultura galega durante a ditadura franquista

O grupo Brais Pinto está considerado como un dos grandes defensores da cultura galega durante a ditadura franquista, a través de proxectos artísticos que desembocaron nun interesante espazo propio de reflexión e de activismo cultural a prol da evolución da identidade cultural galega. 

Brais Pinto creouse en 1958 arredor de nove galegos residentes en Madrid, todos eles estudantes universitarios ou traballadores preocupados pola situación de Galicia. Entre eles estaban nomes referencias da cultura galega do século XX como os ourensáns Xosé Luis Méndez Ferrín (Ourense, 1938); Xosé Ramón Fernández-Oxea “Ben-Cho-Shey” (Ourense, 1896 – Madrid, 1988); Bautista Álvarez (San Amaro, 1933 – Beariz, 2017) e Xosé Fernández Ferreiro (Nogueira de Ramuín, 1931 – A Coruña, 2015). Ademais, completaban o grupo Bernardino Graña (Cangas, 1932); Ramón Lorenzo (Ames, 1935); Reimundo Patiño (A Coruña, 1936- A Coruña, 1985); Xosé Alexandre Cribeiro (Pontevedra, 1936 – Pontevedra, 1995); Herminio Barreiro (Sanxenxo, 1937- Santiago, 2010)  e César Arias (Ribas de Sil, 1932 – Madrid, 2021).

“Todos tiñan unha preocupación común, a defensa da lingua e cultura galega”, remarca Luis González Tosar, que sitúa como clave a figura de Ben-Cho-Shey: “O colectivo mantivo a conexión coas xeracións anteriores, co galeguismo do primeiro terzo do século XX, a través de Ben-Cho-Shey. El foi o enlace dos mozos coa Xeración Nós, con Otero Pedrayo, con Risco, con Cuevillas. O seu papel foi fundamental para orientar ó grupo, promovelos e agarimalos, nun contexto tan agresivo para a cultura galega”. 

González Tosar reivindica o fondo peso dos integrantes de Brais Pinto na evolución da cultura galega contemporánea: “Méndez Ferrín ou Bernardino Graña na literatura, Reimundo Patiño nas artes plásticas, Ramón Lorenzo na filoloxía, Cribeiro no audiovisual, Herminio Barreiro na pedagoxía… todos eles son individualidades moi potentes, que destacaron e que estiveron unidos traballando pola cultura galega”. 

O presidente da Fundación Insua dos Poetas avanza que coa homenaxe colectiva a todo este grupo de intelectuais apostan “por reivindicar a un grupo de mozos que, en plena Ditadura, foron quen de unirse para promover edicións -por exemplo, do primeiro libro de poemas de Otero Pedrayo, “Bocarribeira”- e outras actividades  importantes de resistencia naquel tempo tan represivo”. 

Unha xornada de confraternización arredor da cultura galega e que xa ten premiado a figuras como Carlos Casares, Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro ou Pura e Dora Vázquez

A Festa da Palabra xa ten homenaxeado en edicións anteriores a figuras como Carlos Casares, Eduardo Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro, Pura e Dora Vázquez ou Xela Arias. Na pasada edición, recordáronse os seis poemas galegos de Federico García Lorca, cunha peza escultórica de Soledad Penalta. 

Esta festa está concibida pola organización coma unha xornada de encontro de escritores, editores, libreiros e ilustradores…de todos os colectivos do mundo do libro e da literatura, e tamén das artes plásticas e outros ámbitos da cultura. “Buscamos que a xente que está facendo cultura en Galicia se coñeza e participe”, sintetiza Tosar, “arredor dunha gran festa de exaltación da nosa identidade cultural”. 

O vindeiro 16 de xullo en Madarnás, ademais da homenaxe ao colectivo Brais Pinto, diversas actividades paralelas e un xantar de confraternización, entregaranse os premios da Insua dos Poetas -en sete ámbitos como o literario, a promoción da cultura galega na emigración, xornalismo cultural ou acción social-, acompañados por cadansúa peza orixinal de Acisclo Manzano.