Máis de cincuenta persoas déronse cita na Casa das Campás para arroupar á autora redondelá
A Casa Das Campás acolleu a presentación da primeira novela de Milagros Domínguez García, acto ao que asistiron máis de cincuenta persoas. A escritora de Redondela resultou finalista da II edición do Concurso Literario Asociación Pro Guardia Civil (APROG) coa obra ‘Proteger es mi deber. El honor, mi divisa’, editado por Eolas Edicións. A Federación Pola Igualdade Das Mulleres Da Provincia de Pontevedra (Femupo) non só amadriña a
presentación deste traballo senón que tamén apoia a edición do libro. “O verdadeiro feminismo é sumar nos proxectos das mulleres que nos rodean, axudalas e impulsalas para acadar as súas metas e soños”, explicou a presidenta de Femupo, Raquel Touriño, durante a presentación. “Non podíamos deixar pasar a oportunidade de sacar á luz esta novela que remove conciencias e corazón”. A primeira edición da novela conta con 500 exemplares.
O acto de presentación contou coa presencia da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e do Xeneral de División da Garda Civil, Ramón Rueda, quen tamén escribiu o prólogo da obra. As persoas asistentes tiveron ocasión de comprar exemplares da novela e de intercambiar opinións coa autora.
Pontevedra non será a única localidade onde se presente o traballo de Domínguez García, xa que “se levarán a cabo máis presentacións por concellos de toda a provincia de Pontevedra e repartiranse exemplares en puntos estratéxicos”, informou Touriño. Así mesmo, “calquera persoa que queira adquirir a novela poderá facelo a través de Femupo” e parte deses beneficios “destinaranse a accións que incidan na mellora da calidade de vida das mulleres vítimas da violencia de xénero”.
‘Proteger es mi deber. El honor, mi divisa’ ‘é unha novela curta que aborda a violencia de xénero e a importancia da atención ás vítimas. Trátase “dunha obra que inspira esperanza, confianza e futuro, un futuro onde, entre todos, conseguimos axudar a mulleres a dar o paso máis importante das súas vidas, vivir fóra do círculo da violencia”, sinalou a presidenta de Femupo.
Na obra teñen especial relevancia as personaxes que traballan na detección e loita contra a violencia de xénero: gardas civís, persoal do Equipo de Muller e Menor (EMUME), persoal dos Centros de Información á Muller (CIM). Para Touriño este é un aspecto fundamental da obra. “Resulta importantísimo que desde as asociacións e os axentes sociais e políticos enviemos a mensaxe de que as forzas e corpos de seguridade, como neste caso os
protagonistas da Garda Civil, están para axudar, que é importante contar con eles e apoialos nesta loita”. A obra de Domínguez incide no papel fundamental destes profesionais, punta de lanza para seguir loitando contra a violencia de xénero. Un traballo nada doado no que ás veces os protocolos non acertan, “nestes casos é importante non criminalizar aos axentes, hai que traballar en corrixir os erros e seguir avanzando”, recalcou a presidenta de Femupo quen pechou a súa intervención salientando a importancia do traballo de tódolos actores comprometidos na loita contra a violencia de xénero: “Entre todos, se traballamos como unha sociedade unida e concienciada seguiremos acertando na loita contra a violencia de xénero”