A exposición “Ao redor do universo Beatle” suma máis de 6.000 visitantes en menos de dous meses

Gravación Vide-Clip sobre os Beatles, baixo a direción de Chema Rios e coa participación do Beatle Arxentino, Javier Parisi.

A mostra amplía as súas datas de apertura no Marcos Valcárcel ata o 25 de xullo, e seguirá incorporando máis pezas a unha exposición con 300 obxectos que reivindican o fondo impacto cultural do mítico grupo de Liverpool

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, visitou a mostra acompañado polo comisario, Chema Ríos, e o músico arxentino Javier Parisi, que este sábado ofreceu un concerto de homenaxe a John Lennon no centro cultural

AVANTAR ACTIVIDADES

Manuel Baltar sitúa o balance da mostra como un “éxito que supera as expectativas” e resalta o traballo de todo o equipo responsable da exposición, “sen dúbida, a mellor realizada nunca en España sobre os Beatles”

Destaca a capacidade de sorprender amosada polos responsables da exposición e valora a incorporación de máis pezas, “novo material que chamará a atención das lexións de persoas que teñen a este grupo como un referente non so musical, senón tamén emocional”

A exposición “Ao redor do universo Beatle” suma máis de 6.000 visitantes dende a súa inauguración, o pasado 25 de abril, dentro da oitava edición da Ourense ICC Week. Ante este éxito dunha mostra que foi celebrada nos medios de comunicación como a mellor exposición arredor do mítico grupo de Liverpool perfilada nunca en España, o proxecto deseñado pola Deputación de Ourense ampliará as súas datas de apertura no Centro Cultural Marcos Valcárcel ata o vindeiro 25 de xullo. Ademais, sumaranse novos obxectos a una mostra composta por unhas 300 pezas procedentes de coleccións privadas.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, visitou este fin de semana a exposición, acompañado polo comisario da mostra, Chema Ríos, e o músico Javier Parisi, que este sábado ofreceu un concerto gratuíto no Marcos Valcárcel de homenaxe a John Lennon, nunha actividade enmarcada dentro da propia exposición. 

Manuel Baltar destacou que “o éxito obtido por ‘Arredor do universo Beatle’ supera as expectativas que tiñamos ao comezo. O éxito é claro por parte da mellor exposición realizada nunca en España arredor dos Beatles, e ademais con sorpresas, como a chegada este fin de semana de Javier Parisi, o Lennon arxentino, que relanza esta iniciativa cultural”. 

Das máis de 6.000 visitas, 1.500 proceden das visitas guiadas realizadas por colexios e asociacións. Uns datos valorados moi positivamente por Manuel Baltar: “Estas 6.000 persoas avalan o xuízo de moitos de converter a mostra en permanente. E de feito vaise a prorrogar, porque vamos a ser quen de incorporar material novo, que sen dúbida chamará a atención das lexións de persoas que teñen ós Beatles como referente non so musical, senón tamén emocional. Este grupo é a banda sonora emocional de moitos”. 

O presidente da Deputación de Ourense resaltou o “excelente traballo do comisario Chema Ríos”, parte fundamental xunto ao montaxe do equipo dirixido por Xosé Lois Vázquez “Che” dunha exposición que conta con textos contextuais escritos polo xornalista e músico Carlos Rego. “O éxito fala ben do traballo de todos eles, e a capacidade para sorprender que ten Chema Ríos, con exemplos como a chegada de Javier Parisi ou outras iniciativas que se verán no futuro”. 

Unha reivindicación do fondo impacto cultural dos Beatles

“Ao redor do universo Beatle” reúne no Centro Cultural Marcos Valcárcel a 300 pezas procedentes de distintas coleccións particulares que se mostran ao público, con numerosas pezas persoais dos distintos membros da banda mostradas en diferentes ambientes para recrear varios momentos imprescindibles na traxectoria do grupo, dende a icónica cama de John Lennon e Yoko Ono ata a súa estadía na India, o paso de cebra de “Abbey Road” ou a portada de “Sgt. Pepper’s Lonely Hearts Club Band”. 

A exposición, con espírito interactivo, queda completada con memorabilia dos Beatles xunto a libros, revistas e xornais. O conxunto, como resaltaron os seus organizadores, reivindica o potente impacto cultural obtido polo grupo de Liverpool na cultura contemporánea, e que se mantén na actualidade.